domingo, abril 20, 2008

ARGUMENTOS PARA UN DEBATE

Teño 32 anos e pertenzo á que probábelmente sexa unha das primeiras xeracións que puido estudar a materia de lingua galega na escola. Os meus avós e os meus pais, ao igual que os de practicamente a totalidade da miña xeración e das precedentes, non tiveron a oportunidade de aprender a ler ou escribir na lingua que –na súa amplísima maioría- falaban de cotío; nin moito menos recibir parte da educación en galego. Máis o contrario, foron educados e aleicionados no desprezo ao galego, lingua de pobres e ignorantes.

A constatación do fenómeno anterior forma parte dos fundamentos da actual lexislación ao respeito da lingua do noso país. A lei de normalización lingüística (que non leva esa denominación por capricho) foi aprobada co consenso de tódolos representantes dos cidadáns galegos. Este consenso fundaméntase na apreciación de que o tratamento que historicamente viña recibindo a lingua galega por parte dos poderes públicos era inxusto e mesmo destrutivo. Poderes que, por certo, practicamente en tódolos períodos da historia recente carecían da lexitimidade democrática coa que contan hoxe.

O actual decreto do galego no ensino non é outra cousa que o desenvolvemento da lei de normalización lingüística ao ámbito da educación. Tanto a lei como o decreto sinalan medidas de apoio (a primeira xerais, o segundo específicas) ao uso normal da lingua galega. Estas medidas supoñen unha discriminación positiva do galego ao respeito da outra lingua oficial de Galiza, o castelán, en ámbitos diversos como a administración pública, o ensino, etc. Non son diferentes, en esencia, a calquera outra medida que procure corrixir unha situación que a maioría dos cidadáns consideran inxusta (no caso da lei de normalización lingüística e a tenor do consenso, non a maioría senón a totalidade). E como calquera outra medida derivada do poder lexislativo, son de obrigado cumprimento – é dicir, son coactivas ou constitúen unha imposición- pois de non ser así non tería sentido lexislar.

Nos últimos meses véñense escoitando voces dende un colectivo que lexitimamente cuestiona a legalidade vixente no referido á normalización lingüística do galego. Dise que o galego estase impoñendo no ensino e que goza de certos privilexios legais ao respeito do castelán. Pois ben, ámbalas cousas serían certas de aplicarse a lei: habería privilexios porque neso consiste a discriminación positiva e imporíase porque é condición sine qua non para poder aplicar calquera lei.

O que xa non son certos son outros argumentos que de xeito hipócrita e demagogo, ao meu ver, están poñendo enriba da mesa algunhas persoas que protestan ante a situación anterior. En concreto, é falaz dicir que se está a facer co castelán o que antes se fixo co galego pois iso é confundir a legalidade democrática coa non democrática, e penso que a estas alturas do conto estas cuestións deberían estar ben claras. Tamén é falaz apelar a dereitos pretendidamente universais das persoas (como poder elixir a lingua da educación dos seus fillos), cos que calquera podería estar dacordo, pero que non poden ser aplicados en estrito senso: sería absurdo pretender garantir ese dereito a tódolos pais e nais dun país.

O debate debe ser situado noutros termos. Os que están en contra da lexislación que pretende normalizar o galego terán que remitirse ás razóns que levaron á existencia do consenso social e político sinalado e que se plasmou en lei. Un consenso que se sostén, como dixemos, na consideración de que o galego e os cidadáns que falaban galego teñen sido discriminados e atacados polos poderes públicos durante grande parte da historia recente do noso país. Terán que dicirnos se pensan que o anterior non é certo ou se consideran que o galego xa está normalizado, ou mesmo se entenden que aínda sendo certo e non estando o galego normalizado, iso non debe ser motivo de preocupación nin de lexislación. Terán que dircirnos, en definitiva, porque queren que se rompa o consenso.

sexta-feira, abril 18, 2008

17 DE MAIO: DÍA DA LINGUA GALEGA

Temos que ser 100.000. Para que remate esta vergoña.

terça-feira, abril 15, 2008

OS BIOCOMBUSTÍBEIS: UN CRIME CONTRA HUMANIDADE

Ollo porque hai por aí indicios varios que apuntan a que isto é máis grave do que parece... Sería verdadeirament triste e patético ter que reeditar hits pasados.

domingo, abril 13, 2008

GALIZA E VIETNAM




Antes de que se me vaian todos os recordos, quero postear algo a propósito dunha efímera visita ao far east vai apenas dous meses...

No contraste absoluto entre GZ e VT hai varias semellanzas que quedaron no meu maxín. Sitúanse sobre todo na zona rural (no caso vietnamita máis ben “rural-urbana” pois 88 millóns de habitantes en 330.000 km2 ocupan bastante espazo…).

A primeira delas ten a ver co minifundismo agrario, que se no noso caso vén de ben atrás e ten a ver co antigo modelo agrario do policultivo de subsistencia, en Vietnam é moi recente, e explícase polo reparto realizado vai apenas uns anos da terra colectivizada polo rexime comunista (reparto feito polo mesmo rexime comunista).

A segunda está relacionada coa rápida apertura ao capitalismo experimentada por ambos rurais. Cada un coa súa fasquía, mais nos dous casos a perda dos trazos históricos na relación entre natureza e home/muller é máis que evidente. O intento de deixar atrás unha realidade socioeconómica de miseria faise plausíbel en ámbolos dous sitios pero o resultado é unha indefinición arquitéctonica, paisaxística, produtiva…

Unha evidencia máis de que non estamos sós no mundo
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet