A propósito do lume
Ao redor do triste tema do vrán, cando un pensa e reflexiona sobre as causas estruturais, chega case que a perder a espranza –ante a gravidade do problema. Galiza, como obra colectiva, máis que mudar –usando verbas emprestadas – esfarelouse. Mirando a ese rural –continente fundamental da cultura nacional- atópanse serios, non sei se irreveríbeis, síntomas de suicidio colectivo.
A lingua é quizais o síntoma máis claro pero iso xa está máis que teorizado. É o territorio o que nos amosa, nidiamente, outra faciana chave da perda de identidade colectiva. Comezando polas construccións, pola invasión do cemento e do ladrillo dos anos 60 e 70 que agora inunda o rural galego. O feismo. A pedra e a madeira relegadas, nesta diglosia particular. Seguindo polas concentracións parcelarias… necesarias nalgúns sitios, inútiles noutras; mudando en tódolos casos a morfoloxía e a paisaxe… eliminando os muros de pedra, que lle dan distinción nacional a Irlanda e outros países atlánticos, e que nola daban a nós. Continuando polas embarcacións tradicionais que enchían as rías agora substituídas, á velocidade expoñencial, por lanchas de "polyester". Rematando, non por derradeiro, co monte, reforestado -con aceptación social- primeiro de piñeiros e posteriormente de eucaliptos para contribuir, como evidencia empírica, ás teorías do centro-periferia, na súa faciana de colonialismo interior. Ardendo agora.
En definitiva, ao rural galego non o coñece nin a nai que o paríu, literalmente.
Mentres, afogado polo caciquismo e pola “modernidade”, a última espranza: o escasísimo capital humano consciente, non protesta porque non xa non hai masa crítica: emigra.
Pero en fin, confiemos no optimismo da vontade. Que nos colla traballando.
0 Comments:
Postar um comentário
<< Home