Domingo, Maio 18, 2008

CADA QUEN NO SEU SITIO


A reseña que para a Cadena Ser Galicia mereceu a manifestación de hoxe polo dereito a vivirmos en galego foi a de que na mesma se corearon cantigas como: "Españois, fóra da Galiza", "Galegos somos, galegos seremos, por españois nunca pasaremos" (desta última amosaban probas sonoras). Tamén se referiron á ampla presenza da "ala nacionalista" do goberno galego que lideraba a manifestación.

E nada máis.

Pd. Xa o dixo Cebrián, emulando a Alfonso X "o Sabio", que o galego é para o que é, y lo otro son posiciones extremas de los nacionalistas.

Domingo, Abril 20, 2008

ARGUMENTOS PARA UN DEBATE

Teño 32 anos e pertenzo á que probábelmente sexa unha das primeiras xeracións que puido estudar a materia de lingua galega na escola. Os meus avós e os meus pais, ao igual que os de practicamente a totalidade da miña xeración e das precedentes, non tiveron a oportunidade de aprender a ler ou escribir na lingua que –na súa amplísima maioría- falaban de cotío; nin moito menos recibir parte da educación en galego. Máis o contrario, foron educados e aleicionados no desprezo ao galego, lingua de pobres e ignorantes.

A constatación do fenómeno anterior forma parte dos fundamentos da actual lexislación ao respeito da lingua do noso país. A lei de normalización lingüística (que non leva esa denominación por capricho) foi aprobada co consenso de tódolos representantes dos cidadáns galegos. Este consenso fundaméntase na apreciación de que o tratamento que historicamente viña recibindo a lingua galega por parte dos poderes públicos era inxusto e mesmo destrutivo. Poderes que, por certo, practicamente en tódolos períodos da historia recente carecían da lexitimidade democrática coa que contan hoxe.

O actual decreto do galego no ensino non é outra cousa que o desenvolvemento da lei de normalización lingüística ao ámbito da educación. Tanto a lei como o decreto sinalan medidas de apoio (a primeira xerais, o segundo específicas) ao uso normal da lingua galega. Estas medidas supoñen unha discriminación positiva do galego ao respeito da outra lingua oficial de Galiza, o castelán, en ámbitos diversos como a administración pública, o ensino, etc. Non son diferentes, en esencia, a calquera outra medida que procure corrixir unha situación que a maioría dos cidadáns consideran inxusta (no caso da lei de normalización lingüística e a tenor do consenso, non a maioría senón a totalidade). E como calquera outra medida derivada do poder lexislativo, son de obrigado cumprimento – é dicir, son coactivas ou constitúen unha imposición- pois de non ser así non tería sentido lexislar.

Nos últimos meses véñense escoitando voces dende un colectivo que lexitimamente cuestiona a legalidade vixente no referido á normalización lingüística do galego. Dise que o galego estase impoñendo no ensino e que goza de certos privilexios legais ao respeito do castelán. Pois ben, ámbalas cousas serían certas de aplicarse a lei: habería privilexios porque neso consiste a discriminación positiva e imporíase porque é condición sine qua non para poder aplicar calquera lei.

O que xa non son certos son outros argumentos que de xeito hipócrita e demagogo, ao meu ver, están poñendo enriba da mesa algunhas persoas que protestan ante a situación anterior. En concreto, é falaz dicir que se está a facer co castelán o que antes se fixo co galego pois iso é confundir a legalidade democrática coa non democrática, e penso que a estas alturas do conto estas cuestións deberían estar ben claras. Tamén é falaz apelar a dereitos pretendidamente universais das persoas (como poder elixir a lingua da educación dos seus fillos), cos que calquera podería estar dacordo, pero que non poden ser aplicados en estrito senso: sería absurdo pretender garantir ese dereito a tódolos pais e nais dun país.

O debate debe ser situado noutros termos. Os que están en contra da lexislación que pretende normalizar o galego terán que remitirse ás razóns que levaron á existencia do consenso social e político sinalado e que se plasmou en lei. Un consenso que se sostén, como dixemos, na consideración de que o galego e os cidadáns que falaban galego teñen sido discriminados e atacados polos poderes públicos durante grande parte da historia recente do noso país. Terán que dicirnos se pensan que o anterior non é certo ou se consideran que o galego xa está normalizado, ou mesmo se entenden que aínda sendo certo e non estando o galego normalizado, iso non debe ser motivo de preocupación nin de lexislación. Terán que dircirnos, en definitiva, porque queren que se rompa o consenso.

Sexta-feira, Abril 18, 2008

17 DE MAIO: DÍA DA LINGUA GALEGA

Temos que ser 100.000. Para que remate esta vergoña.

Terça-feira, Abril 15, 2008

OS BIOCOMBUSTÍBEIS: UN CRIME CONTRA HUMANIDADE

Ollo porque hai por aí indicios varios que apuntan a que isto é máis grave do que parece... Sería verdadeirament triste e patético ter que reeditar hits pasados.

Domingo, Abril 13, 2008

GALIZA E VIETNAM




Antes de que se me vaian todos os recordos, quero postear algo a propósito dunha efímera visita ao far east vai apenas dous meses...

No contraste absoluto entre GZ e VT hai varias semellanzas que quedaron no meu maxín. Sitúanse sobre todo na zona rural (no caso vietnamita máis ben “rural-urbana” pois 88 millóns de habitantes en 330.000 km2 ocupan bastante espazo…).

A primeira delas ten a ver co minifundismo agrario, que se no noso caso vén de ben atrás e ten a ver co antigo modelo agrario do policultivo de subsistencia, en Vietnam é moi recente, e explícase polo reparto realizado vai apenas uns anos da terra colectivizada polo rexime comunista (reparto feito polo mesmo rexime comunista).

A segunda está relacionada coa rápida apertura ao capitalismo experimentada por ambos rurais. Cada un coa súa fasquía, mais nos dous casos a perda dos trazos históricos na relación entre natureza e home/muller é máis que evidente. O intento de deixar atrás unha realidade socioeconómica de miseria faise plausíbel en ámbolos dous sitios pero o resultado é unha indefinición arquitéctonica, paisaxística, produtiva…

Unha evidencia máis de que non estamos sós no mundo

Sexta-feira, Março 21, 2008

REPENSAR EUROPA DENDE GALIZA

Recentemente o Parlamento Europeo estivo de aniversario, 50 anos facía a que din é a única cámara de representación internacional de designación directa por parte da cidadanía.

A ninguén se lle escapa que o proceso de construción europea leva un par de anos en stand by, produto en grande medida do rexeitamento ao Tratado de Constitución Europea por varios dos países centrais na UE, países fundadores como Francia ou os Países Baixos. Neste tempo mesmo se produciron retrocesos e houbo quen aproveitou a parálise da Unión para recuperar espazos que, mal que ben, a Unión Europea fora quen de conquistar; falamos por exemplo do simpático presidente francés, e da política exterior da UE.

Pero vaiamos ao que nos ocupa. Como se percibe Europa, a Unión Europea, dende Galiza? Pois ben, estritamente falando non hai visión contrutiva de Europa dende Galiza. A única percepción ten sido a dunha administración allea dende a cal –sen un rol colectivo activo- recibíamos unha de cal e outra de area. No “debe” están as políticas que cada certo tempo incidían e inciden negativamente nos intereses galegos: agricultura, pesca, sector naval, etc. Obviamente o que máis debería pesar neste “debe” non son os efectos negativos en si, senón e sobre todo, a imposibilidade de codecidir sobre os mesmos dende o punto de vista colectivo, como galegos. No “haber” sería absurdo esquecernos dos fondos europeos, á volta do 6% dos ingresos orzamentarios galegos nos últimos exercicios, en grande medida destinados a investimento público. Mesmo o Euro, a pesares da súa asociación co incremento do custe da vida, é xa unha realidade incuestionábel que moitos cidadáns valoran positivamente pola estabilidade que aporta a aspectos que lles afectan directamente como son os tipos de xuro.

Sen embargo e ao igual que na maioría dos países e Estados europeos, non semella existir en Galiza unha vontade social explícita de construir Europa. A responsabilidade aquí procede do xa moitas veces suliñado intento político de construír Europea unicamente de arriba a abaixo e non ao revés. É esta a grande asignatura pendente da Unión Europea xa que poucas políticas, quizais coa excepción dalgunhas iniciativas como o programa Erasmus, resultaron efectivas para levantar Europa dende as bases.

Pero ao decisivo déficit anterior en Galiza úneselle outro con impronta propia que é necesario suliñar. No noso país falla tamén o compromiso político para con Europa.

Os dous partidos de obediencia estatal están afectados do mesmo mal que os romanos lle supoñían ao río Limia, o mal do esquecemento. Cada vez que traspasan as fronteiras estatais os representantes destes partidos esquécense de Galiza, como imaxinario colectivo na construción europea, e substitúena polo imaxinario “España”, reforzando dese xeito o carácter estatal da UE. Este esquecemento actúa nos dous planos, no dos intereses materiais dos galegos, pero tamén no plano do aporte galego á construción europea.

En canto ao nacionalismo galego o mal que lle afecta é de natureza distinta. A visión de Europa dende o nacionalismo galego está estancada nunha lagoa onde conflúe, por unha banda, unha visión antisistema do proceso de construción europea -no que son preponderantes os aspectos antisociais do mesmo- e pola outra, unha visión á defensiva ao respeito das políticas recibidas nos últimos anos. Ámbalas dúas correntes teñen a súa razón de ser e potentes argumentos, pero esquecen aqueles aspectos positivos que comprende a Unión Europea. A maiores, o nacionalismo galego contemporáneo, a diferenza dos seus predecesores e doutros do noso contorno, non foi quen de visualizar un elemento que debería ser estratéxico na súa acción. Eu resumiríao na seguinte frase: “case todo o que deba ou teña que facer o Estado pódeo facer Europa”.

A idea de Europa necesita por tanto un impulso que se debe sustentar naqueles elementos que a maioría social europea considera positivos e que identifican a Europa no mundo. O primeiro, o modelo do Estado de Benestar, cuestionado polo Neoliberalismo pero cun fortísimo ancoraxe político e social, que é necesario defender e potenciar en todo o continente. O segundo, un modelo socioeconómico en xeral máis respectuoso co medio ambiente (e que nos saca as cores de cando en vez con multas e sancións de índole diversa). O terceiro, un contrapeso nas relacións internacionais aínda máis hipotético que real, pero necesario nun mundo amenazado polo unilateralismo e o desorde colectivo. Sería absurdo pensar que, dende o punto de vista institucional, se pode alcanzar neste último aspecto un rol semellante dende Galiza ou España.

Como galegos é posíbel contribuir a Europa sen tutelas de ningún tipo, unha contribución sustentada na nosa propia realidade nacional e que chega até onde saibamos pensar o noso propio país. Faise necesario pensar Europa dende Galiza e como galegos. Necesítao Galiza, como unha das vías naturais de apertura ao mundo; e necesítao Europa, como alternativa institucional ás grandes amenazas e problemas mundiais; alternativa imperfecta, por suposto, pero real e efectiva.

Segunda-feira, Março 17, 2008

PENA TREVINCA, O PUNTO MÁIS ALTO DE GALIZA


Pois iso... Pena Trevinca.
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet