quarta-feira, novembro 15, 2006

POLÍTICA DE NOVO

As entrevistas e declaracións do profesor Beiras son sempre enormemente enriquecedoras porque poucas veces deixa de expresar o que pensa. A de onte en Galicia Hoxe tamén o foi e da de cheo no grande debate que, máis implicita que explicitamente, se está a dar no BNG. Recoñece por fin Beiras publicamente que existe unha loita entre Quintanistas e UPG polo control do poder e que, no camiño, a actual dirección (a UPG tamén?) quere convertir ao BNG nun partido de corte tradicional, desfacerse da criatura, en definitiva.

A crítica e oposición do Beiras a todo este proceso fundaméntase en que o camiño anterior é errado, os partidos tradicionais están en crise e as novas fórmulas de participación que está a crear a sociedade van cara modelos xustamente do corte do BNG: produto das mobilizacións sociais e cívicas.

Non comparto a opinión do Beiras. Poido compartir que existe unha certa apatía de calado hetereoxéneo cara os partidos tradicionais, máis que nada pola perda dos referentes tradicionais fortes (en particular a loita de clases). Sen embargo tamén observo que a cidadanía ve iso como un mal menor ante a necesidade de dotarse de sistemas democráticos estables e fortes, de convivencia onde a igualdade e a liberade poidan exercerse sen graves cortapisas. Ten razón o Beiras en que as sociedades crean novas fórmulas para vencer a apatía anterior e mesmo para denunciar as carencias do establishment institucional. Mais esas fórmulas necesarias son complementarias, non substitutivas, das organizacións políticas de corte clásico. Para mostra, un botón propio: Nunca Máis. Os argumentos do Beiras carecen -ao meu ver- do soporte empírico necesario: Onde é que os partidos están sendo substituídos?

Nembargantes, como dicía máis arriba, está no certo Beiras en que o debate que ten que dar o BNG é xustamente ese. ¿Queremos convertirnos nun partido de corte tradicional, que compita polo poder e que use éste para dar pasos pequenos na conciencia nacional galega (aberta ao mundo), na igualdade social e na sensibilización cara os grandes retos cos que se enfronta o planeta, pobreza e medio ambiente en particular? Facelo leva consigo, por suposto, riscos propios da loita polo poder: en particular o amornamente nas posicións e sobre todo a aceptación en aras do consenso de extremos duramente criticados até o momento. Algúns discutirán que eses retos non se poden afrontar dende o poder. Eu só poño dous exemplos próximos: o avance na concienciación naciónal en Catalunya na era Pujol e a consolidación da democracia e dos dereitos sociais (educación e sanidade pública e universal) en España, nos anos 80.

A outra opción é parar as máquinas e virar 180 grados: convertir ao BNG nun movemento social, atento e partícipe directo das loitas do noso tempo. Un mecanismo de protesta permanente, parlamentario ou extraparlamentario, diante dun establishment ao que sempre atoparemos tibio e mesmo reaccionario. Vímbios non lle fallan ao BNG para esa fórmula: é a que caracterizou boa parte da práctica habitual até o momento. Escoller este camiño debe facerse tendo ben en conta que non existe en Galiza, ao contrario que en Catalunya e Euskadi, establishment político nacionalista.

A sociedade entende a necesidade destas dúas fórmulas, ámbalas dúas lexítimas para o BNG de mañá. O que non entende, ao meu humilde ver, é que as dúas residan nun mesmo corpo. Os tempos da ubicuidade van alá: toca decidir.

2 Comments:

Blogger Ian said...

Sonlle pouco esencialista no que lle toca ao tipo de proposta organizativa, con todo, creo que a conversión do BNG en movemento social é absolutamente impracticabel, moito máis impracticábel que a súa transformación en partido. Reflexiono en depaso sobre a necesidade de darlle máis importancia aos procesos de implicación cidadán que ás estruturas organizativas e, non o entenda como a procura dun punto de equilibrio virtuoso e centrista, cada vez máis se están a ensaiar formular de partido-rede que combinan ecleticamente compoñentes de movementos sociais, partidos e fronte cívicos, con xeometrias de participación moi variábeis... quizais iso sexa moi moderno para as nosas terras... Prométolle unha definición máis precisa. Tampouco creo que a proposta de Quintana sexa converter o BNG nun partido, el quere unha organización (a que sexa) cunha definida dirección política, non tanto na desmontaxe da actual estrutura frontista. Se o que diferencia en esencia o modelo de Beiras do de Quintana é unicamente a elección de delegados e a presenza residual dos partido no Consello Nacional, xa me dirá. Non acredito na ollada idílica que Beiras ten do frontismo dos noventa, tampouco me parece que sexa tanto o salto adiante de Quin, é máis dáme a impresión de que non quere poñer a atención en deficits democráticos maiores que padece o BNG.

Sobre as orixes da miña tribo, somos da Barreira, da casa do Ardeiro.

1:55 AM  
Blogger Costadamorte said...

Home, vou brincado de blog en blog guiado por Vieiros niste debate previo ao que imos escomenzar maña...
Visto que eiquí falamos do modelo organizativo que debe ter o BNG de dempois, pois deixo a miña "ocurrencia"...
A min góstame o modelo frontista, mais creo que mellor sería reforzar os partidos, e reubicalos de xeito que sexan grupos ideolóxicos, non grupos de amigos ou banderías tras un persoeiro...
O BNG ten que ser a superestructura sustitutiva do estado do que Galiza carece, e así ser unha estructura carente dunha ideoloxía propia mais aló da nazón..., o contido ideolóxico, (mais esquer ou nemos esquerda), terá que proveelo o partido ou partidos que acaden en cada AN o control interno da organización...
Non sei explicalo moi ben, pero meu modelo de BNG sería algo así como un estado pluripartidario e con alternacia de poder xogando no sistema de partidos...
Sería algo deconcertante para o resto das forzas políticas..., a condición sine qua non é a lealtade interna dos nacionalistas...

11:40 PM  

Postar um comentário

<< Home

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet