quarta-feira, julho 16, 2008

PROVINCIANISMO MEDIÁTICO E PROVINCIANISMO POLÍTICO


No programa de hoxe da radio galega "Un día por diante" abordaban a suspensión de pagamentos da inmobiliaria Martinsa Fadesa. Un dos entrevistados foi Javier Garrido, o presidente da Federación de Promotores Inmobiliarios de Galicia, quen expuso o seu punto de vista sobre a crise inmobiliaria.

Garrido sostén (imoslle a supoñer, con coñecemento de causa) que a situación galega non é equiparábel a do Estado, e apunta a que o sector en Galiza está composto fundamentalmente por pequenas e medianas promotoras mentres que no Estado o peso das grandes, das "14 grandes", é moito maior. O sector é por tanto diferente e, na súa opinión, está máis saneado dende o punto de vista financeiro pois asumiu tamén menos riscos.

Chama a atención que Garrido lle fixera un chamamento ao presidente da Xunta (e non era o primeiro) para que convoque unha mesa para abordar a crise do sector en Galiza e que, ademáis, traslade xustamente o carácter diferencial do sector inmobiliario no noso pais. Laiase de que todos, incluído o presidente, caeran no erro de facer seguidismo do que acontece en España sen analisar as particularidades da situación galega. Non solicita diñeiro público, simplemente apunta algo que quen saiba algo do tema xa coñecía, os bancos do Estado están aplicando as mesmas recetas en tódolos lados, recurte brutal do crédito, o cal si pode ter un efecto nocivo especialmente en Galiza, pois pagan xustos por pecadores. Sinala a importancia que dende o goberno se trate de contrarrestar isto dando conta da situación real do sector en Galiza. Pide, en definitiva, que Touriño actúe como presidente!.

A xornalista, sen embargo, non acaba de entender o que comenta o presidente da Feprogra e -facendo gala de novo seguidismo/provincianismo mediático sinala que "si, pero os prezos da vivenda baixaron por primeira vez". Onde baixaron??? Resulta que baixaron en España e en Galiza subiron!!!!, como se pode ver na prensa de hoxe (aínda que La Voz de Galicia resalte, na mesma liña provinciana, que os prezos baixan).

En definitiva, provincianismo mediático -o dos xornalistas da radio galega- misturado co provincianismo político do PSOE de Touriño. Toda unha mostra do que é "normal" neste país.

1 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Garrido sostén (imoslle a supoñer, con coñecemento de causa) que a situación galega non é equiparábel a do Estado, e apunta a que o sector en Galiza está composto fundamentalmente por pequenas e medianas promotoras mentres que no Estado o peso das grandes, das "14 grandes", é moito maior

7:22 PM  

Postar um comentário

<< Home

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet