quinta-feira, novembro 25, 2004

Contra a violencia coas Mulleres

Hoxe é o "Día Internacional Contra a Violencia Doméstica", doméstica que quer dicir contra as mulleres nun 90%.

Recollo aquí algo que me pareceu ben bonito, e que asina Xosé Carlos Caneiro:

A ESTA columna fáltanlle os ollos. Quero que sexan verdes, azuis, cor de outono, encarnados de lúa e novembro. A esta columna fáltalle un bico que entregar, unha nube por recoller nun cazo de auga limpa (de chuvia), unha copa que brindar entre vítores de non nos moverán. A esta columna fáltalle a alegría de mil mulleres, cen mil, golpeadas polo puño covarde dun chulo de baixa estofa, machista e canalla. No meu nome e en nome da inmensa maioría, corazón, escribo esta columna. Para ti, especialmente. Porque tes a alma destrozada con mil palabras que son feridas, balas, dinamita. Porque querías conquistar o mundo e conquistaches, só, unha habitación sen vistas ao mar, un esposo que te esposa, un espertador que anuncia tristeza para ama de casa. Porque ganar é un verbo posible. Porque detrás dos disparos na boca han de chegar os abrazos na alma. Porque gústame dicir mamá, nena, señora (feminino singular). Escribo, para ti, esta columna sen ollos que poidan mirarte, acariciarte, sentir as túas mans sobre as miñas. Vintecinco de novembro, día en contra da violencia machorra e covarde. E lembro o verso de Garcilaso de la Vega: «No pierda más quien tanto ha perdido». Mil mulleres maltratadas. Mil flores. Mil. Para ti.



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet