sexta-feira, dezembro 10, 2004

Cambio estructural e cambio político

Estructura e superestructura, o vello conto Marxista é de moita validez para certas análises sociais. Non entendo eu dun xeito ríxido ese modelo, e así axuda -por exemplo- a comprender o que está pasando en Galiza coa política.

Os "da boina" veñen de perder -por goleada- diante dos "do birrete" o congreso provincial do PP da Coruña (antes de comezar!!). Dous modelos enfrontados, un -en teoría- urban e o outro rural. Os caciques e os cargos do goberno impostos dende Madrid, o conto que resume o poder en Galiza dende vai séculos e que o PP -nunha simbiose exemplar e con Fraga como nexo- combinaba a pracer e con maiorías absolutísimas.

Pero "todo pasa y nada queda , y lo nuestro es pasar y pasar"; amigho... o mundo cambia. Galiza xa non é rural, é cada día máis urbana. Mudanzas socioeconómicas, na estructura, apuntan cara unha sociedade terciarizada, urbana, aínda por definir se -dende o punto de vista global- decandente ou dinámica.

O poder dos "da boina" está "estructuralmente" minado. Até no propio PP se ven as consecuencias. Os 100.000 militantes queríaos ver eu, en asambleas e pagando as cuotas, non nas cuchipandas do monto de gozo, e en tantos outros sitios. Ao final a militancia do PP, estou seguro, tamén é cada día máis urbana, seguramente non responde ao modelo antigo do "birrete" pero identíficase con el porque todo o rural lles sabe a rancio, e non ven necesidade de falar galego, e son -por riba de todo- españois.
Esto a min preocúpame bastante. O poder é, efectivamente, cada vez máis dos de "Madrid" e estes ó conciben Galiza como provincia; sexan ou non nados en Galiza.

Nos demáis partidos políticos tamén se está, por suposto a notar esto. O BNG tivo, e aínda terá moito máis, que adaptar o seu discurso -dirixido a unha Galiza idílica, tradicional, dos sectores productivos, etc...- á nova realidade urbana. É aí onde está a xente moza que -antes máis que agora- se sentía identificado cunhas ideas de transformación e de cambio. É unha parte da Galiza urbana activa, a que pensa en clave de país, aberta ao mundo pero chantada na terra. O futuro.

O PSOE sempre tivo nas cidades o seu bastión, políticos profisionais como Paco Vázquez, aproveitáronse da (falsa) etiqueta de progresismo para realmente mobilizar ao eleitorado do PP e do PSOE (a todos, aos da boina e aos do birrete). Pero iso tamén está a cambiar. O PSOE é incapaz, e isto tamén é un problema estructural, de lanzar un discurso de país porque simplemente son -en grande medida- o reflexo dunha parte da sociedade galega- que -ao igual que os que agora apoian o cambio no poder provincial coruñes- conciben Galiza como unha mera provincia e identifícanse plenamente como españois e non falan galego, por suposto (aínda que presuman de que lean a Manolo Rivas). Teñen unha compoñente "progre" que os fai máis tolerantes, iso si, pero están respiran provincianismo polos 4 costados (como, senón, se pode desculpar a actitude de Paco Vázquez co topónimo e con tantas outras cousas, onde está o discurso galeguista do PSOE?)

En fin, non pinta "bonito" para o meu país. Dicía que está por ver se camiñamos cara a "decadencia" que eu asocio co provincianismo, ou cara unha sociedade máis dinámica, consciente da súa cultura, de que conforman un país ou nación, que quer ter o seu espazo no mundo. Ás veces parece que o primeiro esté gañando posicións e, o que é peor, que non somos capaces de dotarnos de mecanismos de cambio.

Pero en fin, sexamos optimistas, hai tamén síntomas interesantes. Un deles reflíctese como a nosa cultura utiliza este mesmo espazo no que estou a expresar a miña opinión e as miñas inquedanzas, como unha nova palanca de expresión, de desexo de permanencia, de facer camiño ao andar...





Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet