sexta-feira, setembro 18, 2009

NOTA PARA UN DEBATE NA ESQUERDA (II). Política Fiscal

Dicía o outro día Paul Krugman, e dicía ben, que compre recuperar o Keynesianismo como paradigma dominante nas políticas macroeconómicas. As principais leccións do grande economista foran esquecidas nas últimas décadas pola soberbia de quen considerou que a o rol estabilizador dos poderes públicos se debe limitar ao manexo da política monetaria; con iso sería suficiente para evitar a depresión económica. Nas facultades de economía e nos ministerios homónimos, as leccións de Keynes pasaron a encadrarse na disciplina da historia económica.

Como é ben sabido, os gobernos Neoliberais de Reagan e Tatcher foron os primeiros en mudar as políticas económicas de inspiración Keynesiana aplicando, tamén neste eido, as receitas Neoliberais de canto menos Estado mellor. Boa parte dos gobernos da esquerda europea abandonaron tamén de xeito máis ou menos explícito as políticas keynesianas e abrazaron unhas políticas onde o papel da política fiscal, como elemento clave para a estabilización dos vaivens propios do devalar económico, deixaba de ser relevante.

Neste contexto semella claro que a actual crise colleu de improviso aos facedores de política económica de gobernos progresistas, como é o caso Español e os de outros países. Só desde esta perspectiva se poden entender, por exemplo, os bandazos do goberno Zapatero en materia de política fiscal. Se fai un ano o goberno decidía rebaixar o IRPF en 400 € co obxectivo de revitalizar o consumo, hoxe ten que anunciar unha suba (temporal) dos impostos, para evitar un déficit excesivo. Pois ben, unha das ensinanzas de Keynes neste eido resúmese en que en momentos de fortes caídas nas expectativas económicas (e consecuentemente no consumo privado e no investimento), é máis efectivo de cara á recuperación económica o incremento do investimento público que a redución de impostos. Iso é así porque nesas circunstancias os axentes privados, consumidores e investidores, nos volvemos conservadores, aforramos e retrasamos as nosas decisións de gasto para momentos mellores. Unha rebaixa fiscal nestas circunstancias non ten os efectos desexados sobre a demanda agregada e non se consegue parar a recesión, só consegue agravar o estado das contas públicas.

O despiste monumental dos gobernos de esquerda pon en evidencia a carencia dun paradigma claro nesta materia. Despiste que se traslada ao eido social. Os cidadáns non temos claro se a crise se amaña subindo impostos, manténdoos ou baixándoos. A maioría entende que o incremento do déficit público é malo per se, pois non se pode gastar o que non se ten.

Curiosamente esta última percepción vese reforzada pola recoñecida evidencia de que a burbulla que hoxe causa a crise foi acompañada por un brutal endebedamento familiar. Ergo, se o exceso de endebedamento familiar é pernicioso tamén o é o do sector público. Esquécese, en primeiro lugar, que tanto no eido público como no privado, o endebedamento permite acometer investimentos que renderán no futuro. E en segundo lugar, o endebedamento pode responder a unha pertinente política anticíclica xa que en épocas de recesión faise necesario compensar o recorte do consumo e do investimento dos axentes privados que da lugar a círculos viciosos de duras consecuencias. Isto é, ante os efectos negativas da “racionalidade individual” (ninguén inviste cando as cousas van mal) temos que opoñer a “racionalidade colectiva”.

As grandes (e simples) ideas de fondo por tanto seguen sendo válidas. Se acaso farase necesario mudar as formas e adaptalas ás necesidades actuais. Nese sentido, o keynesianismo hoxe en día debe levar o carimbo de “verde” e permítanme nese sentido os lectores facer referencia a un artigo escrito xa vai máis dun ano nesta mesma casa. Do mesmo xeito, debemos ser conscientes de que un abuso das políticas de gasto público trae tamén consecuencias negativas para o funcionamento da economía.

A esquerda, nomeadamente a Europea, debe loitar por recuperar o discurso perdido e trasladalo pedagoxicamente á sociedade. Que sexa a dereita quen dea paus de cego ante a crise actual.
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet