quinta-feira, setembro 03, 2009

O AGGIORNAMENTO DA SOCIALDEMOCRACIA (I). Erros públicos

Na década dos 60 do pasado século nacía na Universidade de Virginia nos Estados Unidos, a chamada Escola da Elección Pública. Os seus principais referentes acadarían logo sona internacional, particularmente James Buchanan quen en 1986 obtería o Premio Nobel de Economía. Arriscándonos a ser simplistas poderiamos dicir que, como fundamento central, os defensores desta escola partían dunha fonda desconfianza na capacidade do sector público para resolver problemas sociais e económicos. Así, se a chamada Economía do Benestar que se desenvolvera a principios do século XX, subliñara os “erros de mercado” que fan necesaria a intervención do sector público para recuperar a eficiencia, os economistas e politólogos da Eleición Pública puxeron o fincapé nos erros do sector público para atender as encomendas das que tradicionalmente se viñan responsabilizando.

Un elemento chave no razoamento destes autores é considerar que os individuos non actúan por un suposto interese xeral cando participan en labores públicos ben sexa como políticos ou como burócratas, senón que o fan con intereses egoístas. Isto é, actúan tal e como o fan no mercado. Iso explicaría, por exemplo, o establecemento de políticas tendentes a favorecer a determinados grupos de interese (que a cambio favorecerían os intereses dos propios políticos e burócratas) ou tamén determinadas inercias incrementalistas do gasto público, pois ao ser este maior tamén o é a posición de poder dos individuos que o xestionan. Ante estas conclusións, as receitas máis coñecidas da Escola da Elección Pública estaban principalmente dirixidas ao adelgazamento do sector público e a limitar as súas funcións practicamente as básicas de xustiza, orde interna e defensa exterior. Iniciábase dese xeito un ataque ideolóxico á liña de flotación das políticas que constituían os piares básicos do Estado de Benestar, que naquel momento representaban a ortodoxia en boa parte dos países desenvolvidos.

Non é certo que os individuos, os cidadáns, actuemos unicamente –nin sequera en boa medida- movidos por intereses egoístas. Na nosa vida cotiá atoparemos múltiples exemplos de que iso non é así. Agora ben, o anterior non quere dicir que a nosa actuación non veña influenciada polo contexto e os incentivos que se presentan, tamén á hora de desenvolver un labor profesional ou político no sector público. Nin que os nosos intereses materiais, particulares ou de grupo, non condicionen as nosas actuacións en todos os eidos sociais, incluído este ao que nos estamos a referir. Tamén debemos admitir que, como en calquera outro tipo de organización que alcanza un grande tamaño, as rixideces aumentan de xeito que a necesaria flexibilidade á hora de prestar adecuadamente un servizo público, vese reducida. Do mesmo xeito os cambios, as innovacións, vense dificultados nun contexto no que predominan as rutinas.

Todos estes aspectos inciden directamente no (mal) funcionamento do aparello burocrático-administrativo e son perfectamente visíbeis para o conxunto da sociedade que é usuaria dos servizos públicos.

No eido da práctica política, esta percepción foi usada pola dereita neoliberal como argumento instrumental para alcanzar os seu obxectivos estratéxicos que non son outros que a laminación do Estado de Benestar e do papel do sector público como provedor de servizos básicos, garantes da igualdade social.

Pola súa banda, a esquerda política raramente foi quen de encetar un discurso sólido sobre ese argumento instrumental. Nalgúns casos denunciou os obxectivos finalistas perseguidos pola dereita (privatización de servizos fundamentais) pero ignorou o mal funcionamento das institucións públicas. Noutros, máis graves, asumiu o discurso conservador e por consecuencia desenvolveu medidas que ían na dirección de recortar servizos públicos fundamentais. En ámbolos casos houbo unha renuncia implícita a iniciar debate algún sobre a mellora da eficiencia do sector público. O terreo quedou dese xeito libre para o xogo da dereita.

Unha crítica contundente ao aparello burocrático e aos “excesos” públicos, converteron aos conservadores nos únicos defensores da eficiencia na xestión pública, promotores da necesaria austeridade no funcionamento da administración. Gústenos ou non esta é unha percepción cada vez máis estendida na nosa sociedade e nas do noso contorno.

Penso que a maioría dos cidadáns europeos e tamén do noso país considera adecuado e positivo que o sector público garanta o acceso universal e igualitario aos servizos básicos; sen embargo cada vez está menos disposta a soportar un aparello burocrático que observan custoso e ineficiente. A esquerda política debe por tanto tomarse en serio esta cuestión e debater internamente e na sociedade as posíbeis causas e as vías de solución. Se ese debate non se dá dende posicións progresistas dificilmente se dará, pois para a dereita non é un problema grave, como dixemos máis arriba é a escusa para laminar o Estado do Benestar.

En Galiza a esquerda política vén de ter unha experiencia de enorme calado na xestión pública. Nalgúns casos como no BNG era a primeira experiencia da súa historia a primeira ocasión na que moitos dos seus cadros políticos se enfrontaron a estas lides. Sería gratuíto e un grande erro non reflexionar sobre a mesma de cara a tirar leccións para o futuro.

3 Comments:

Anonymous DFM said...

A primeira socialdemocracia (na que participaban Marx e Engels) era moi crítica co "socialismo de Estado" e reclamaba que os traballadores xestionasen directamente os medios de produción, ao tempo que criticaba o despotismo da burocracia prusiana no II Reich, como se pode ler en "El eclipse de la fraternidad" de Antoni Doménech.

Pouco que ver co que sucedeu na URSS a partir dos anos 20 ou nos países centroeuropeos aos que ese peculiar "socialismo" chegou cos tanques do exército vermello tras a II Guerra Mundial. Penso que só na federación de Iugoslavia se chegou a ensaiar en serio coa existencia de empresas importantes de propiedade social sen control directo dos funcionarios do Estado ou do Partido. Non ten moito que ver co que dis pero pode ser interesante para centrar o debate...

Polo demais, é practicamente tal cal como ti o dis. Por un lado a esquerda máis ortodoxa limítase ao eslógan facilón: O público é bo e o privado é malo, sen aprofundar nen dar o debate que a sociedade demanda, mentres os neoliberais dan unha chea de argumentos (falsos, pero argumentos). Polo outro, os partidos antes socialdemócratas, agora social-liberais (New Labour, PSOE...) simplemente asumen o que din os neoliberais e o aplican, se acaso con máis disimulo, e renuncian a plantexar calquera alternativa.

Agora ben, a crise está aí, non é un invento e chegou o momento de propor alternativas: expandir o Estado de Benestar si, recuperar a intervención pública tamén.

Pero penso que non chega con iso, hai que replantexar cousas como o papel da banca e caixas, apoiar a creación de empresas cooperativas, buscar modelos sostibles de pesca e de agricultura... ver opcións como a renda básica, xa que parece imposible que haxa traballo para todos e todas (polo menos traballando 40 horas á semana)... pasar á ofensiva, meus!

8:29 PM  
Anonymous Preguiceiro said...

Unha boa contribución ó debate sobre a refundación da esquerda europea (e galega, por extensión).

Non obstante, transmite a errónea sensación de que a Escola de Virxinia tivo un éxito incontestado na teoría político-económica. Se cadra a omisión máis rechamante é o September Group (Roemer, Przeworski, Elster, ...) e os traballos derivados da nova teoría sobre os erros de mercado (personificada en Stiglitz), por canto os seus resultados, construidos dende a mesma base que os traballos de Buchanan, apuntan na dirección que entrada desexaría ver no discurso político: a necesidade da actuación pública para garantir unha auténtica igualdade de posibilidades.

Hai varios outros puntos que poderiamos discutir, pero é incómodo facelo dende a caixiña de comentarios de "Blogger". Quedan para o futuro.

10:11 AM  
Blogger Nygard said...

Obrigado polos comments...
DFM, concordo con boa parte do que dis. Bueno, o da renda básica non acabo de velo...

Preguiceiro, a miña intención non era dar sensación algunha de éxito da Escola de Virginia na Economía Política teórica; se acaso dar conta que o seu reflexo no plano da política práctica si triunfou.

E efectivamente, a intervención pública é fundamental para a igualdade de oportunidades e, dese xeito, para exercer a liberdade.
Eu creo que esta idea -na liña de Amartya Sen- debe ser central á hora de renovar o discurso da socialdemocracia. Xunto con outras claro, que nesta caixa -como ben dis- non collen.

8:54 PM  

Postar um comentário

<< Home

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet