quinta-feira, novembro 10, 2005

SANTIAGO REY

O sesudo editor de La Voz de Galicia é sen dúbida o principal artífice e valedor na actualidade da ideoloxía "regionalista" en Galiza.

O seu discurso é tal que así:

- Galicia foi e está sendo marxinada por parte do Estado.
- A culpa desa marxinación é dos nacionalistas bascos e cataláns.
- Nós non podemos, por tanto, emular aos culpábeis da nosa marxinación. Temos que defender os nosos intereses que dependen única e exclusivamente de manter a actual estructura do Estado (e de acabar cos nacionalistas insolidarios).

É dicir, é o mesmo discurso de Bono, Ibarra e o seu amigo Paco Vázquez.

No plano ideolóxico é un discurso patético: faise unha proclama pseudo-romanticista de Galiza: a defensa abstracta da cultura, da paisaxe, as tradicións... Agora ben, cando chegamos a cuestións concretas como o idioma, este non existe para Santiago Rey. A defensa da lingua galega non é materia de debate posto que non caben imposicións no ideario do neo-regionalismo galego.

No plano da política económica é curioso: dase por feito, sen aportar a mínima proba empírica, que os intereses dos galegos son a antítese dos dos cataláns e os bascos pero coincidentes cos de Madrid. Só dende unha perspectiva dependente e sumisa se pode afirmar o anterior. E logo chámanse así mesmo liberais: se souberan o que é o Liberalismo...

En fin. O grave non é que existan personaxes desta caste, o grave é que teñan nas súas mans o principal medio de comunicación escrita do país.
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet