quarta-feira, março 28, 2007

GALIZA NO MUNDO... DA EMIGRACIÓN AO RETORNO


Nese outro ao que en días alternos vou xantar, o camareiro, que vén sendo fillo dos donos e que gasta músculos até nas orellas, pavonéase diante dunhas adolescentes que entran a tomar un café para miralo de perto. O rapás utiliza as súas armas máis ocultas... avanza polo bar falando en alto polo móbil un inglés perfeito -da banda de Londres, sóname a min- produto da emigración galega. De repente as rapazas chámano e el -que en circunstancias normais o máis seguro é que usara o español que é o que elas falan- utiliza un galego con gheada. Faino adrede... presume de galenglish.

Tamén é pavero escoitar a súa nai, unha señoriña moi tímida que podería ser de calquera aldea galega, dirixirse a el en inglés e galego indistintamente. Tamén cos hóspedes estranxeiros.

Tráeme á cabeza dous recordos, un bonito e o outro de escharse coa risa. O bonito é en Caerdydd, onde pai e filla discutían inocentemente e de xeito fluído, él en galego e ela en inglés. Cando as rapazas aprenderan a ler foran de grande axuda para a familia, eles xa falaban algo de inglés pero nin lían nin escribían... nin o fan agora, cando xa están para retornar. Dalí tamén teño outro recordo, máis bonito aínda, que quizais traia aquí un día destes.

O de escacharse coa risa sitúase no mesmo sitio do link anterior, cando dous viciños antes emigrados en Canada discutían a todo discutir por algún problema doméstico. "You are crazy, Manuel, you are crazy", berráballe Dominga ao Manuel... Iso fora antes de que un narco lle mercara o hotel que Dominga construíra xunto ao seu marido, cos aforros de Canadá. Pero esa é outra historia...
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet