A NECESARIA REMUDA NA CÚPULA DO PODER FINANCEIRO GALEGO
Non entro nin saio na oportunidade e pertinencia da fusión entre Caixa Galicia e Caixa Nova nin tampouco na necesidade obvia, legal e política, de que sigan tendo o seu centro de decisión no país. Sobre isto abondan opinións moito máis autorizadas que estamos lendo e que seguiremos a ler nos vindeiros días.
Si que quero, en calquera caso, lanzar unha reflexión sobre a necesidade de mudar as cúpulas directivas do poder financeiro galego. Por varias razóns:
- Porque a concentración continuada no tempo de tamaño poder en persoeiros que non responden ante a cidadanía, ao contrario que os tan denostados políticos, é antidemocrática per se.
- Porque as caixas, ao contrario que o resto de entidades financeiras e por moito que Pepe Blanco o agoche, non son entidades con ánimo de lucro e son ademais competencia exclusiva da Xunta de Galicia, como se recolle no Estatuto de Autonomía.
- Porque a xestión das mesmas nos últimos anos -de Caixa Galicia en particular mais tamén de Caixa Nova- á vista dos resultados económicos que se van coñecendo, foi pésima. As direccións de ámbalas dúas caixas tomaron decisións erróneas, en particular no eido inmobiliario, especulando de xeito irresponsábel cos aforros de milleiros de galegos.
Por todas estas razóns, sexa cal sexa a resultante de todo este proceso, non sería de recibo que as cúpulas directivas actuais das dúas caixas continuaran nos seus postos como se nada tivera pasado.
0 Comments:
Postar um comentário
<< Home