sábado, novembro 27, 2004

Mala Hostia

Sábado, aínda non mediodía, recén erguido e xa me teño que por de mala hostia (non sei se leva "h" pero así dalle máis enfase o asunto) lendo a puñetera Voz. Quen me mandaría a min meterme en política, xa mo di sempre miña nai. E aínda por riba xogando cos pequenos (os grandes sempre gañan, esto dimo meu pai).

Tema: o voto dos emigrantes, o famoso CERA.

Antecendentes:
a) PP e PSOE, en "comandita" aproban reformar a lei eleitoral para ampliar o prazo de reconto dos votos dos residentes ausentes (by the way, que demo é eso, como se pode residir nun sitio pero estar ausente ao mesmo tempo...). Non se preocupan porque o proceso sexa máis transparente, non -eso non. Que se evite -e só un exemplo- que persoas que están "ausentes" de verdade, por algún tipo de intervención divina emitan o seu voto (sabía que o Apóstolo era de dereitas, agora vai resultar que tamén e do PSOE).
Nesto non hai pinza entre PP e PSOE, non. O que pasa é que o Bloque se queda só, coma sempre, instalado no seu "non" permanente.
(Nova definición de "pinza política": se dice de todo acuerdo político que el BNG alcanza con otro partido que no sea el PSOE. Ref. Diccionario de La Voz de Galicia).

b) O PSOE de "Madrí" crea (?) a figura de "embajador en misión especial para la Coordinación de la Relaciones con las Comunidades Españolas en Iberoamérica". Y quien se lleva la piruleta?. Miguel Cortizo Nieto, até o momento deputado "autoanémico" polo PSOE.

Moraleja: Haber, haberá que joderse e goberna xuntos pero non me quedo calado: "PSOE e PP a mesma merda é"

Pd. Non é para poñerse de mala hostia, logo?

quinta-feira, novembro 25, 2004

Contra a violencia coas Mulleres

Hoxe é o "Día Internacional Contra a Violencia Doméstica", doméstica que quer dicir contra as mulleres nun 90%.

Recollo aquí algo que me pareceu ben bonito, e que asina Xosé Carlos Caneiro:

A ESTA columna fáltanlle os ollos. Quero que sexan verdes, azuis, cor de outono, encarnados de lúa e novembro. A esta columna fáltalle un bico que entregar, unha nube por recoller nun cazo de auga limpa (de chuvia), unha copa que brindar entre vítores de non nos moverán. A esta columna fáltalle a alegría de mil mulleres, cen mil, golpeadas polo puño covarde dun chulo de baixa estofa, machista e canalla. No meu nome e en nome da inmensa maioría, corazón, escribo esta columna. Para ti, especialmente. Porque tes a alma destrozada con mil palabras que son feridas, balas, dinamita. Porque querías conquistar o mundo e conquistaches, só, unha habitación sen vistas ao mar, un esposo que te esposa, un espertador que anuncia tristeza para ama de casa. Porque ganar é un verbo posible. Porque detrás dos disparos na boca han de chegar os abrazos na alma. Porque gústame dicir mamá, nena, señora (feminino singular). Escribo, para ti, esta columna sen ollos que poidan mirarte, acariciarte, sentir as túas mans sobre as miñas. Vintecinco de novembro, día en contra da violencia machorra e covarde. E lembro o verso de Garcilaso de la Vega: «No pierda más quien tanto ha perdido». Mil mulleres maltratadas. Mil flores. Mil. Para ti.



domingo, novembro 21, 2004

O BNG e a Constitución Europea

Teño un amigo que está desencantado co BNG, considera que o pre-posicionamento respecto da Constitución Europea é outra gota máis... E eu estou dacordo.

Veño de ler as
declaracións de Camilo, convenientemente peneiradas por esa desgracia para o país que é La Voz de Galicia. A falla de ter analisado polo miúdo o tratado en cuestión, a opinión de Camilo paréceme a máis autorizada ao respecto. Posicionarse en contra non só me parece un erro táctico senón tamén non (querer) ver o que implica a construcción europea para os que sendo internacionalistas, defendemos o dereito de tódalas nacións a seguir existindo.

Paréceme especialmente grave que a dirección redactara un documento tan sesgado; dende un principio sospeitei que se facía para contentar a
algúns... e estou farto de tanta reverencia. Entendo que Quintana ten que andar con "pés de chumbo" pero ás veces hai que ser máis valientes... porque os cidadáns non esperan por nós. Cada día estou máis convencido tamén da fraqueza ideolóxica dos amigos da UPG. Pasóuselles o arroz, sinceramente... e son o principal atranco para que o BNG sega sendo unha ferramenta útil. Ler opinións como esta, lévame a pensar como moita outra xente: que faltan argumentos e que sobran prexuizos. Tampouco quero descargar todas as tintas na UPG, hai un certo esquerdismo "fácil" que impregna toda a organización que non se da conta do importante que son certos debates e decisións.

Eu sigo crendo que o BNG é útil e necesario. A razón é esa extrana sensación de que mesmo neste tema, o debate e o posicionamento do BNG é o que -dun xeito ou outro- é o único que se dá no país. No PP non se debate obviamente, e no PSOE tampouco -sobre todo cando gobernan en Madrid e están que non lles cabe un palla no cu (por certo que esa
petición de que a Xunta se implique no "si" paréceme unha auténtica tomadura de pelo e algo plenamente antidemocrático).

En fin, que estes son os vímbios...

sábado, novembro 13, 2004

Eu tamén estou...

dende a distancia
Co movemento cidadán máis importante da historia do noso país, que nos fai estar no mundo con dignidade e ilusión...

Nunca Máis

Colonización Mediática

A colonización mental colectiva do noso país é un feito de difícil cuestionamento. Non é, ao meu entender, un fenómeno unidireccional do que os galegos non somos responsábeis, a día de hoxe somos os principais responsábeis...

Aínda así non podemos pechar os ollos e obviar os mecanismos externos que inciden na nosa colonización. Debemos destapalos e amosalos intelixentemente á sociedade...

Vexamos un pequeno e "inocente" exemplo do principal mecanismo colonizador a día de hoxe: o mediático.

Os que estades enganchados a internet repararedes en que unha vez por semana, ao menos, nas portadas electrónicas de La Voz ou El Correo aparece unha foto de Gasol -o xogador da NBA- en "acción", e un pequeno comentario sobre a victoria/derrota da súa equipa (Os Grizzlies, que se chama).

Ben: Que demo de relevancia ten esta nova para a nosa sociedade? A cuestión é que os diarios da capital fan un seguemento exhaustivo deste xogador -xa convertido nun icono "nacional" (español, claro). E os medios galegos, como bos medios de provincias, o único que fan é reproducir o que lles chega da Capital. Os deportistas son un bo obxecto para esta finalidade, de repente tododios foi seguidor do ciclismo dense sempre -curiosamente cando Indurain gaña os tours- da formula 1 -cando o Alonso gaña algo...

Por suposto esto non é algo propio do Estado Español ou dos Estados con "problemas" nacionalistas -procesos semellantes son comúns a calquera realidade nacional con ou sen "problemas"- o que pasa é que sempre hai xente que sabe utilizar "ben" estas cuestións. En calquera caso -dende a nosa posición- ten os efectos "colaterais" que vimos de comentar.

Poderíamos catalogar isto como "colonización mediática de baixa intensidade". Diante dela só queda o dito, destapala e... como segunda grande arma, rirse dela.

segunda-feira, novembro 01, 2004

Diniro Confidencial

Con todo esta cuestión relanzada pola mona de Paco Vázquez e secundada por La Voz de Galicia para desviar a atención, lembreime daquela páxina web que era para escarallarse coa risa...

Por sorte aínda anda por colgada...
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet