quinta-feira, agosto 31, 2006

MALA XESTIÓN

Un amigo do PP, traballador no servizo de extinción de incendios da Xunta dende fai anos, fálame con moitos dados, cunha fondura que non dou calibrado, de numerosas mudanzas no operativo respeito a outros anos así como de erros e descoordinacións.

Admite, sen embargo, que na situación vivida poucas terían sido as diferenzas aínda que o operativo funcionara ben. Obviamente non é quen de rebatir o argumento do problema estrutural que en 15 anos non souberon nin quixeron afrontar, pero si de enlazar un tras do outro os cambios habidos e os problemas de descoordinación.

Preocúpame porque, na loita política que só vén de comenzar (nós mal, por certo), van ter máis argumentos dos que pensaba nun principio.

segunda-feira, agosto 21, 2006

MÁIS DO LUME

As sociedades humanas, nos seus distintos eidos relacionais que van desde o económico, ao politico, ao cultural.... caracterízanse pola existencia de causacións circulares acumulativas. Nestas relacións, manifestadas en círculos viciosos e virtuosos, é difícil identificar causas e efectos pois un retroalimentan aos outros.

Dito o anterior, sen ánimo de buscar causas, pegunto:

Que conselleiro vai ter os santos collóns de rebaixar nun só euro o gasto no operativo apagalume nos vindeiros, digamos, 5 anos?

quarta-feira, agosto 16, 2006

Fodida Intuición

Véndese cabeza de conselleiro.

Razón aquí, aquí e tamén aquí.

terça-feira, agosto 15, 2006

TVG

Hoxe pola mañá a xornalista conductora do programa "Bos Días", Marga Pazos, preguntoulle ao conselleiro de Medio Rural se nalgún momento pensara en dimitir, dubidou un chisquiño en usar a palabra, pero ao final fíxoo. Pareceume ben, non porque crea que Suárez Canal deba dimitir, senón porque a entrevista era na TVG. Creo sinceiramente que na TVG do PP no governo non se chegaría a facer esa pregunta; tampouco na TVE do PSOE actual en España.

Vexo agora repetido o especial contra o lume onde a presentadora, Sonia Vizoso, entrevista a Núñez Feijoo. A habilidade no "un contra un", xa varias veces amosada polo presidente do PPdG, faille moita sombra á xornalista. J.L. Gómez non mellora a escena, podería pensar porque non quere, máis que porque non sabe. Núñez Feijoo dixo o previsíbel con moita demagoxia, exemplificando con anécdotas, pero de xeito moi intelixente. No fondo, o argumento central do PP: a desorganización e mal funcionamento do operativo anti-lume, non foi concretado polo sr. Feijoo. O presidente do PP non concreta porque sabe que o operativo é practicamente idéntico ao dos outros anos e que funcionou exactamente como outros anos. Apoiase, iso si, a xeito de siloxismo, nas consecuencias máis catastróficas que nunca. Evita, como era de esperar, falar das posíbeis razóns estruturais: as que se poden abordar en 15 anos pero non en 1. Os xornalistas tampouco teñen o bo facer de traelas a colación.

Se o debate se sitúa unicamente na dialéctica "terrorismo incendiario" vs "incompetencia na xestión do operativo antilume" mal asunto. Tanto para o conselleiro como para o monte en Galiza.

domingo, agosto 13, 2006

A propósito do lume



Ao redor do triste tema do vrán, cando un pensa e reflexiona sobre as causas estruturais, chega case que a perder a espranza –ante a gravidade do problema. Galiza, como obra colectiva, máis que mudar –usando verbas emprestadas – esfarelouse. Mirando a ese rural –continente fundamental da cultura nacional- atópanse serios, non sei se irreveríbeis, síntomas de suicidio colectivo.

A lingua é quizais o síntoma máis claro pero iso xa está máis que teorizado. É o territorio o que nos amosa, nidiamente, outra faciana chave da perda de identidade colectiva. Comezando polas construccións, pola invasión do cemento e do ladrillo dos anos 60 e 70 que agora inunda o rural galego. O feismo. A pedra e a madeira relegadas, nesta diglosia particular. Seguindo polas concentracións parcelarias… necesarias nalgúns sitios, inútiles noutras; mudando en tódolos casos a morfoloxía e a paisaxe… eliminando os muros de pedra, que lle dan distinción nacional a Irlanda e outros países atlánticos, e que nola daban a nós. Continuando polas embarcacións tradicionais que enchían as rías agora substituídas, á velocidade expoñencial, por lanchas de "polyester". Rematando, non por derradeiro, co monte, reforestado -con aceptación social- primeiro de piñeiros e posteriormente de eucaliptos para contribuir, como evidencia empírica, ás teorías do centro-periferia, na súa faciana de colonialismo interior. Ardendo agora.
En definitiva, ao rural galego non o coñece nin a nai que o paríu, literalmente.

Mentres, afogado polo caciquismo e pola “modernidade”, a última espranza: o escasísimo capital humano consciente, non protesta porque non xa non hai masa crítica: emigra.

Pero en fin, confiemos no optimismo da vontade. Que nos colla traballando.

Rivalidades Nacionais

Homesweethome, Saturday, 2:45 AM

- Escoita, "A París" moi ben, pero "a Panorama" -pa min- moito mellor. A ver se me entendes... pero eu -sen despreciar eh- son máis da Panorama. Ghústanme as dúas, a París toca -oes sen despreciar- pero a Panorama é como máis, máis... a ver se me entendes.

quarta-feira, agosto 09, 2006

BOIROS

No lago Niassa, na banda que lle toca a Moçambique, hai varias illas con grande potencial turístico. É unha zona despoboada e economicamente moi pouco desenvolvida. Dende a fin do Apartheid en África do Sul están chegando moitos "pes blancos" para explotar ese potencial... en Moçambique chámanlle os "boiros".

sexta-feira, agosto 04, 2006

COSAS VEREIS...

Tate... tiña que postear este momento histórico que veño de vivir propia da obra Cervantina...
En relación ao sapo que me estou tragando, do que falo aí abaixo, veño de experimentar unha volta máis desas que da a vida.

Resulta que meu pai se vaise de manifa mentres eu teño que replegar velas e mastigar o bípedo do carallo... Meu pai, ese suxeito con quen bato, bato e seguirei batendo até que a morte nos separe...

É a Quijotización de Sancho e a Sanchificación de D. Quijote.

Manda carallo.

REAL POLITIK??

Hoxe experimentei un deses malos tragos que che ofrece a práctica política convencional, deses que che fan pensar até que punto paga a pena adicarse, aínda que só sexa se a tempo moi parcial, a eso.

Levo realmente mal o de tragar sapos e o caso é que non sei se iso me invalida, ou non, para a práctica política. Estou tragando un de dimensións considerábeis, aínda que aquí as medidas tamén son subxectivas, claro.

A isto únesenlle a sensación de ter errado, numerosas veces, de ter botado moi mal os cálculos, de ter carecido de coraxe, de aduacia, de decisión....

terça-feira, agosto 01, 2006

CESAREA EVORA

Escoitar a Cesarea Evora tráeme ao maxín dous extraordinarios momentos da miña vida. Un deles é indeterminado, deses que valoras máis que nada co paso dos anos; é un recordo chamado Tabasco. Ao segundo si que lle poño principio e fin e a lembranza de darme conta do bonito do momento. A ese chámolle Aalborg.

Nos dous casos éntranme calafríos.
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet