segunda-feira, dezembro 25, 2006

A GALIZA RURAL

Como cada 25 dende fai 31 toca ir "á montaña", que curiosamente está só a 15 minutos das bateas da ría; "cas" avós maternos.

Se algo sei do mundo do agro, do de carne e óso, e por ese vínculo familiar. Algo máis de 40 vacas e 150 toneladas de cota insuficiente, traballo arreo -insufríbel para o proletariado contemporáneo-, investimentos, modernización das explotacións, feismo, conservadurismo extremo,... Noutros posteos teño manifestado o meu enorme escepticismo sobre o futuro que lle agarda ao rural e, en concreto, á actividade agraria. Sígoo mantendo pero tamén hai algunha luz, algún claroescuro.

Os incentivos para corrixir aldraxes históricas contra as mulleres funciona. Miña tía comezou hai perto de 2 anos a pagar a "irmandá"; a piques de facer os 50, pero máis val tarde que nunca. Meu curmán leva visos de ser un deses escasos relevos xeracionais e, partillando elementos estremadamente conservadores cos seus escasos 17 anos, escoita aos Heredeiros pero tamén a Zapato Velóz, foi quen "pelexou" para que esa mesma miña tía asumira tamén a cotitularidade da explotación. Agora terían acceso a máis cota grátis, e a 2.000 € (para unha moto nova?). Na familia xa teñen asumido que o futuro pasa por que nun prazo moi curto o máis novo asuma a titularidade da explotación e así ser 3 e formar unha SAT. Trátase de afondar na profisionalización, no agricultor empresario.

É de xustiza, esa xente, a miña xente, só coñecen un xeito de vida que é o traballo do día á noite. Merecen moito máis que o equivalente ao "salario digno" pois levan moito tempo aportando moito máis do que reciben.

PEQUENO GRAN SHOW


Flipante a contribución que está a facer o "Pequeno Gran Show" á normalización da cultura e sobre todo da lingua galega. A maiores de estar ben currado e ben levado, o impacto para esa grandísima maioría de crianças galegas educadas a costas do galego (e para os seus proxenitores) de ver a expresarse en galego con toda normalidade a rapaces homologábeis a eles, non o cobren mil manifas a favor do galego.

Éche o que ten poder facer as cousas dende o "poder", por certo.

quinta-feira, dezembro 21, 2006

NACIONALISMO PALETO

Ler novas coma esta prodúceme arrepío. É así, hai xente -máis destacada do que puidera parecer- que non entende o nacionalismo como un movemento aberto ao mundo. Aínda por riba non fan máis que darlle argumentos aos cidadáns máis desconfidados do BNG.

Hoxe máis que nunca: Galiza célula de universalidade.

terça-feira, dezembro 19, 2006

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN

Disque se queixan por aí que o parlamento galego é unha institución pouco coñecida e, por tanto, pouco valorada. Triste porque é aí onde reside a soberanía delegada.

Mais con decisións como a de onte os poucos que a coñecen terán máis incentivos para non confiar nela. Se houbera algunha dúbida sobre a pertinencia ou non dunha comisión de investigación polo tema dos incendios, agora xa quedou despexada.

Patáns.

quinta-feira, dezembro 07, 2006

CHOVE

quarta-feira, dezembro 06, 2006

ASAMBLEA E FUSO HORARIO

Só por ler chorradas coma esta pagou a pena aprobar o do fuso horario na asamblea.
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet