segunda-feira, abril 19, 2010

CINISMO OU FANATISMO?

Cidadáns deste país, xa temos o diagnóstico certeiro de porqué o galego desaparece. O Sr. Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional, vén de enunciar o que moitos -na nosa ignorancia- descoñeciamos.
As razóns son dúas:
- Non se pode soster que o galego é a lingua propia de Galicia.
- A normalización "ese experimento de ingeniería social" (R.B.V dixit) é unha barbaridade polo moito sufrimento que lle ten causado aos galegos.

Admito que non teño argumentos nin palabras que lle fagan xustiza ao enunciado polo Sr. Blanco Valdés.

Grazas por sempre D. Roberto.

terça-feira, março 09, 2010

O SILENCIO DE BLANCO VALDÉS

Onte puidemos ver e escoitar (algúns coma min atónitos) a entrevista a Arcadi Espada no programa de Carlos Luis Rodríguez. Contrasta a benevolencia amosada polo entrevistador, coa actitude agresiva amosada na célebre entrevista a Carlos Callón. Mesmo acabou solictándolle unha nota para a entrevista, a xeito de indulxencia papal, digo eu...

O ínclito defensor de Rosa Díez, que non só desculpou as verbas desta senón que as engrosou e tachou de parvos aos que nos molestaramos, veunos a dicir que algo pasa en Galicia cando un atentado "do seu amigo" Blanco Valdés ten menos repercusión que estas verbas. Só os delirios fanáticos españolistas, penso que no caso deste señor perefectamente calculados, poden levar a establecer relacións entre unha cousa e a outra.

E todo iso lévanos a preguntarnos as razóns polas cales ao Sr. Blanco Valdés, á la postre o maior opinador do (antigo) reino de Galicia, non se lle escoitou (eu polo menos non) opinión algunha sobre este asunto que ocupou a atención mediática nos últimos días.

Aínda que hai tempo que este personaxe xa engana a pouca xente, sería bo que esa pouca se convertira en ningunha.

sábado, março 06, 2010

UNHA VISIÓN MENOS PESIMISTA DIANTE DA CRISE ECONÓMICA

Non é a Economía unha ciencia que se preste a doadas e exactas predicións e como é ben sabido somos os economistas bastante máis hábiles en explicar o que aconteceu que en prever o que vai acontecer. Aínda así, permítanme os lectores tirarme sen paracaídas e dar unha visión optimista, ou se queren menos pesimista, do futuro máis ou menos inmediato da economía galega e, en menor medida, da española. Tempo haberá para dixerir estas verbas en caso de desacerto.

Nestes momentos xa sabemos algo máis dos males que afectan á economía española e dos que tamén adoece a economía galega aínda que, na nosa opinión e a vista dos dados que imos coñecendo, en menor medida. A burbulla inmobiliaria, cebada por un sector financeiro emborrachado de diñeiro barato, estourounos diante dos ollos e dese xeito puxo de manifesto as fraquezas estruturais da nosa economía. A milagre económica española iniciada a finais do século pasado non foi tal e o diferencial positivo respecto á UE na creación de emprego e riqueza non parecía ter fundamentos sólidos senón que había moito de especulación.

Os síntomas desta enfermidade son tamén ben coñecidos. Por unha banda atopámonos cun endebedamento brutal das familias ligado en particular aos préstamos hipotecarios (e en menor medida ao crédito para o consumo). Polo outro temos o endebedamento das empresas ligadas sobre todo ao sector inmobiliario e, no vértice superior, temos o endebedamento nos mercados internacionais das institucións financeiras españolas.

En definitiva, as casas que se facían e mercaban en Galiza e en España foron en parte financiadas con aforro foráneo, procedente na súa maioría de países Europeos. Estourada a burbulla toca agora devolver o diñeiro, cuestión que resulta bastante complicada pois para iso teriamos que facernos máis competitivos, mellorar a nosa balanza comercial e así comezar a enxugar a débeda exterior. Sen embargo iso non se pode facer da noite para a mañá. É por iso que economistas como Paul Krugman enfatizan os problemas da economía española e mesmo sinalan ao euro como o culpábel desta situación. De non estar España integrada no euro, sosteñen, non tería habido un acceso tan doado ao crédito exterior e agora, ademais, teríamos posibilidade de devaluar a antiga moeda para recuperar dese xeito a competitividade perdida.

Non concordamos coas opinións de Paul Krugman. En primeiro lugar porque as devaluacións competitivas teñen outros custes asociados e aínda que puideran resolver problemas moi puntuais non amañan as eivas estruturais, isto é, as razóns polas cales unha economía non é competitiva. En segundo lugar porque a nivel mundial países sen euro están pasando problemas semellantes aos da economía española. E finalmente porque coidamos que o motivo último da burbulla inmobiliaria está máis relacionado coa desregulación do sector financeiro produto do triunfo, político e mesmo social, dun determinado xeito de comprender a economía que todo o porfía á non intervención no mercado. Permítanme ilustrar o que digo co seguinte exemplo: se unha familia ou unha empresa se endebedaba até as cellas, isto era bo pois os axentes económicos actúan racionalmente e por tanto non se equivocan; se quen se endebeda é o sector público isto é malo per se pois polo xeral o gasto público é ineficiente e o endebedamento altera as decisións racionais que se toman no mercado.

Sexa como for, o certo é que o problema está aí e este é o principal factor que lastra as posibilidades de recuperación da nosa economía a curto prazo. Por unha banda o endebedamento das familias impide que o consumo repunte, pola outra o endebedamento do sector financeiro co exterior (e o crecemento da morosidade de familias e empresas) limita as posibilidades de financiar o investimento dos sectores económicos e dese xeito o crecemento do emprego asociado. Por iso son necesarios os programas de investimento público, para tratar de romper este círculo vicioso, para conter a caída demanda agregada. Tamén por iso o sector público tivo (e terá) que intervir dun ou doutro xeito no sector financeiro para evitar a súa bancarrota (curioso paradoxo). Porén, se no curto prazo a intervención pública parece imprescindíbel, no medio prazo para que a recuperación económica se consolide deberán ser o consumo e o investimento privado os que tiren da demanda agregada. E para iso imos necesitar dunha redución nos niveis de endebedamento familiar cousa que, de feito, xa está a suceder nestes momentos. Así, os últimos dados xa apuntan a que as familias están incrementando a súa taxa de aforro é e previsíbel que este comportamento continúe no futuro inmediato.

Pois ben, tendo en conta o anterior escenario, cremos que hai razóns para amosarse menos pesimista no caso do impacto da crise e da eventual recuperación da economía galega. De feito isto é xa unha evidencia pois estamos a ver como o noso país amosa taxas de paro claramente por debaixo da media española así como niveis de decrecemento do PIB tamén de menor magnitude. Na nosa opinión isto podería explicarse ao menos en parte polo menor nivel de endebedamento que amosan as familias e empresas galegas en comparanza coa media española. Así, segundo os dados do Banco de España a débeda de familias e empresas galega representaba a setembro de 2009 o 3,85% do total español, isto é, unha porcentaxe claramente inferior ao peso do PIB galego (que alcanzaba 5,2% en 2008). Se ben os dados de endebedamento de empresas e familias publicados polo Banco de España están sesgados polo “efecto sede” das grandes empresas con domicilio social en Madrid -sérvennos para comprobar como –en relación ao seu peso na economía- Galiza, xunto coas outras autonomías do norte, amosa os niveis de endebedamento comparativamente máis baixos. Son estas autonomías, tal e como se aprecia na gráfica, as comunidades autónomas onde o desemprego está a comportarse mellor o cal reforzaría a nosa hipótese. Como era de esperar as comunidades do levante onde a especulación inmobiliaria foi maior, Murcia e Comunidade Valenciana, atópanse no lado oposto con débeda e taxa de paro por riba da media.


Pero as razóns para pensar nun certo optimismo diante da situación económica non se quedan no menor nivel de endebedamento da nosa economía senón que teñen a ver tamén con outros factores de tipo estrutural. Así, nestes últimos anos producíronse importantes cambios estruturais na economía española e aínda máis na economía galega que ficaron agochados pola exuberancia irracional do boom inmobiliario pero que, no medio e longo prazo, deben ter efectos positivos na produtividade e na competitividade das respectivas economías. Referímonos á modernización do sector industrial, ao incremento do seu esforzo en innovación –se ben aínda se atopa por debaixo da media europea-, ou á aparición dun sector terciario avanzado vinculado á man de obra de alta cualificación. Tamén no eido das infraestruturas os avances son evidentes (permítanme obviar o cansiño e provinciano debate do AVE), e isto por certo, grazas en boa medida á chegada de fondos europeos. É dicir, o sector inmobiliario engulíu unha parte importante do aforro interno e externo dispoñíbel na economía española, pero outra parte importante adicouse á mellora das estruturas físicas e, factor este esencial, do capital humano.

As consecuencias deste proceso modernizador poderían xa estar a visualizarse. O profesor Antón Costas sinalaba fai pouco que as exportacións españolas foran, xunto coas alemás, as que menos se viran resentidas durante este período de crise. E lembremos que as exportacións fóra da UEM víronse e vense claramente condicionadas polo euro máis apreciado da historia. No caso galego este indicador lévanos a pensar nunha situación comparativamente máis prometedora. Na liña do manifestado por economistas como Camilo Nogueira, a capacidade exportadora da economía galega está hoxe asentada nun abano de empresas e sectores moi diversos. A balanza comercial exterior (fóra do Estado) foi positiva nos tres últimos anos e aínda que o volume de exportacións baixou coa crise, son moitas as empresas que ante a forte caída da demanda interna son capaces de saír ao exterior á procura de novos mercados. Galiza consolidouse ademais nos últimos anos como unha das economías máis competitivas dende o punto de vista comercial dentro do Estado. Mentres o PIB galego representa aproximadamente o 5,2% do PIB español (en 2008) as exportacións chegan ao 8,6% en 2009. Mesmo tirando o efecto distorsión de Citroën, o peso das exportacións galegas superaría claramente o peso do noso PIB no conxunto do Estado.

Por todo o anterior e a pesares da sangría do desemprego pensamos que hai motivos para un certo optimismo. Isto vai implicar fortes sacrificios e avances moi tímidos pero seguramente mellor fundamentados que os que se deron nos últimos anos. Por suposto tamén hai factores que poderían xogar negativamente e lastrar as posibilidades de recuperación. A situación financeira necesita clarificarse sen que de ningún modo isto implique, como algúns interesadamente apuntan, que Galiza teña que perder unha ou as dúas caixas de aforro. Tamén o eido da política económica é esencial e niso o escenario non semella ás veces tan positivo. A nivel central as malas decisións de meses atrás e a descoordinación actual non constitúen precisamente un elemento de confianza. No nivel galego descoñecemos as políticas económicas que se pretenden seguir o cal, a estas alturas, é algo que nos debe preocupar. A menos, permítanme a brincadeira, que porfiemos a recuperación económica no Apóstolo Santiago ou no Papa. De ser así teremos que recuperar ao Cándido de Voltaire quen, no epílogo das súas desgraciadas andainas, adicábase ao humilde e sosegado cultivo da terra. Estando nesas labores escoitou do seu compañeiro que ao fin e ao cabo todos os sufrimentos que pasaran foran para ben, o cal era proba da irrefutábel providencia divina. “Fala vostede ben, dixo Cándido, pero sigamos sachando na terra”. É que Cándido tiña que ser galego.

quarta-feira, fevereiro 10, 2010

DÉBEDA E MERCADOS

Seica os mercados castigan ao Estado Español pola falla de rigor no control das contas públicas. O crecemento do deficit -consecuencia en grande medida dunha moi pronunciada caída dos ingresos públicos- é, efectivamente preocupante. Aínda así, os niveis de débeda pública española -ao redor do 60% do PIB- situanse por debaixo da media europea.

Nembargantes, o verdadeiramente preocupante non é á débeda pública, senón a débeda privada que acumulan familias, empresas e entidades financeiras: esta representa máis do 300% do PIB. O déficit por conta corrente que ano tras ano vén rexistrando a economía española non responde a exceso público ningún, senón aos excesos privados vinculados á burbulla inmobiliaria convenientemente cebada polo sector financeiro. A acumulación de tamaña débeda é reflexo dun dos cambios estruturais máis relevantes acontecidos na economía española nos últimos anos que non é o outro que a financiarización das economías domésticas, en clara sintonía cos deseños do fracasado modelo Neoliberal.

Por iso chama a atención como a dereita económia e mediática pon agora o fincapé nos desequilibrios orzamentarios públicos cando aplaudeu os bestiais desequlibrios orzamentarios privados. Son eses, e non outros, os que convén solventar.

Pd. A falla de dados sobre endebedamento familiar en Galicia, un atreveriase a dicir que este non é tan elevado como o da media española. Eis unha das razóns pola que a crise esta tendo efectos menos destrutivos na nosa economía.

domingo, novembro 29, 2009

CLARO, CLARIÑO...

A contraportada de hoxe é apenas un paso máis na estratexia que encetou Santiago Rey & Co unha vez gañada a batalla eleitoral. Xa o dixera Quintana; machacándoos a el e a Touriño non despacha só leas persoais... no fondo quere finiquitar unha etapa na historia recente deste país. Agora, morto e enterrado o defunto, seguen paleando terra... non vaia a ser.

A grande victoria do PP e de La Voz foi a de que triunfara o conto, a xeito de dogma, de que as solucións bipartitas son malas "per-se". O triste, como ten apuntado o amigo Ian, sería que os que noutrora sosteron "o bipartito" caian nesa trampa. E pola banda que nos toca é angustioso comprobar como damos perigosos pasos nesa dirección.

Pd. 1 Qué cálculos botaron e quen os botou?

Pd.2 -o bipartito foi malo-gobernar non é importante-mellor un goberno unido- PSOE é PP a mesma merda é-maioría natural do PP.

Pd.3. Let's do something...

segunda-feira, novembro 23, 2009

CRTVG: Begin the beginning...

Parece que pouco a pouco imos volvendo á normalidade, ao estado natural das cousas. O primeiro síntoma noteino hoxe, ao despertar (tarde), e escoitar o señorial son dunha banda de música na Radio Galega... ai! Porque onde estea unha boa banda municipal de nuestra terriña..., entendes???

O segundo foi ese telexornal de la pradera que abre con titulares de política española, ZP vs Rajoy, para logo falarnos do temporal que disque vai vir... Política en GZ, pa que?

O dito, para que volva a maioría natural fai falla recuperar a normalidade mediática que instaurara o Fraguismo... A política faise en Madrid, en Galiza só pasa o tempo...

quinta-feira, novembro 05, 2009

A NECESARIA REMUDA NA CÚPULA DO PODER FINANCEIRO GALEGO


Non entro nin saio na oportunidade e pertinencia da fusión entre Caixa Galicia e Caixa Nova nin tampouco na necesidade obvia, legal e política, de que sigan tendo o seu centro de decisión no país. Sobre isto abondan opinións moito máis autorizadas que estamos lendo e que seguiremos a ler nos vindeiros días.

Si que quero, en calquera caso, lanzar unha reflexión sobre a necesidade de mudar as cúpulas directivas do poder financeiro galego. Por varias razóns:

  • Porque a concentración continuada no tempo de tamaño poder en persoeiros que non responden ante a cidadanía, ao contrario que os tan denostados políticos, é antidemocrática per se.

  • Porque as caixas, ao contrario que o resto de entidades financeiras e por moito que Pepe Blanco o agoche, non son entidades con ánimo de lucro e son ademais competencia exclusiva da Xunta de Galicia, como se recolle no Estatuto de Autonomía.

  • Porque a xestión das mesmas nos últimos anos -de Caixa Galicia en particular mais tamén de Caixa Nova- á vista dos resultados económicos que se van coñecendo, foi pésima. As direccións de ámbalas dúas caixas tomaron decisións erróneas, en particular no eido inmobiliario, especulando de xeito irresponsábel cos aforros de milleiros de galegos.

Por todas estas razóns, sexa cal sexa a resultante de todo este proceso, non sería de recibo que as cúpulas directivas actuais das dúas caixas continuaran nos seus postos como se nada tivera pasado.

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet