quarta-feira, dezembro 15, 2004

Boicote a Antonio Piernas...

Disque hai por aí unha plataforma de "amigos do L". Antonio Piernas, mira ti, é un dos portavoces. Moi libre de opinar e de movilizar á sociedade para conquerir e apoiar o que sexa, por suposto.

Tan libre coma min, coma todos os que queiran, para non mercar nin unha soa prenda deste señor. Non?

Pd. Por certo, como podedes ver, a min gústame máis a fórmula de "Piernas", pero non me opoño a que se utilice "Pernas", "Legs", "Jambes" ou calquera outro nome.


terça-feira, dezembro 14, 2004

Anomalía témola nós...

por permitir que este animal ocupe o posto que ocupa.

MOSTROUSE EN CONTRA DO MATRIMONIO HOMOSEXUAL
Fraga considera que a homosexualidade é unha "anomalía"
[14/12/2004 14:47] O presidente da Xunta, Manuel Fraga, considera que a homosexualidade é "unha anomalía" e argumentou que "algo raro lle ten que pasar a alguén que non prefira unha muller guapa". Fraga tamén advertiu que "pasar da persecución que houbo no seu día, e que foi unha equivocación, ao orgullo gay é outra tremenda equivocación". Desde o colectivo ALAS de Lugo consideran que as declaracións de Fraga "non se poden tomar en serio como argumento". Sinalaron tamén que "estamos orgullosos de ser diferentes, a pesar de estar machacados por persoas como Fraga, e de lograr as reformas legais e sociais que demandamos".

segunda-feira, dezembro 13, 2004

La Voz de Galicia... vergoña allea

Son consciente do grado de provincianismo que ostenta La Voz de Galicia. Pero hoxe superáronse. Veño de sentir auténtica vergoña allea ao ler a nova en relación a defensa do veto do BNG no Senado. Por dúas veces, canto menos, chámanlle a Anxo Quintana "Anxón".

Sabía que esto soía pasar nos medios "de Madrid", xa non é a primeira vez que ao mesmo Quintana o bautizan como "Antxon". Esto non deixaba de ser unha mostra do pouco que pinta Galiza no Estado. Pero o de La Voz é simplemente unha mostra da dependencia e do provincianismo dese xornal que, tristemente, é o principal referente mediático en Galiza.

Boas novas por fin...

En fin, parece que remontamos o voo... Algúns van ter que tomar moito polo cuíño se se lles pasou pola cabeza gobernar sós. Non lles colle unha palla no cu cando mandan en Madrid, viven de rendas, coma sempre...

O mellor é que hai un ano por diante. Quintana, que é en gran medida responsábel desta mellora, vai ser o principal activo eleitoral do BNG. Creo que vai ser presidente.

Agora quero ver como reaccionan certos poderes mediáticos e financeiros, que tiñan moi claro que -se tiña que haber cambio (cousa que tampouco lles entusiasmaba)- tiña estar liderado polo PSOE. Touriño, por certo, xa comezou a facer a laboura que lle toca...

Esto da política, dende logo, éche a hostia.

Adiante BNG.


sexta-feira, dezembro 10, 2004

Cambio estructural e cambio político

Estructura e superestructura, o vello conto Marxista é de moita validez para certas análises sociais. Non entendo eu dun xeito ríxido ese modelo, e así axuda -por exemplo- a comprender o que está pasando en Galiza coa política.

Os "da boina" veñen de perder -por goleada- diante dos "do birrete" o congreso provincial do PP da Coruña (antes de comezar!!). Dous modelos enfrontados, un -en teoría- urban e o outro rural. Os caciques e os cargos do goberno impostos dende Madrid, o conto que resume o poder en Galiza dende vai séculos e que o PP -nunha simbiose exemplar e con Fraga como nexo- combinaba a pracer e con maiorías absolutísimas.

Pero "todo pasa y nada queda , y lo nuestro es pasar y pasar"; amigho... o mundo cambia. Galiza xa non é rural, é cada día máis urbana. Mudanzas socioeconómicas, na estructura, apuntan cara unha sociedade terciarizada, urbana, aínda por definir se -dende o punto de vista global- decandente ou dinámica.

O poder dos "da boina" está "estructuralmente" minado. Até no propio PP se ven as consecuencias. Os 100.000 militantes queríaos ver eu, en asambleas e pagando as cuotas, non nas cuchipandas do monto de gozo, e en tantos outros sitios. Ao final a militancia do PP, estou seguro, tamén é cada día máis urbana, seguramente non responde ao modelo antigo do "birrete" pero identíficase con el porque todo o rural lles sabe a rancio, e non ven necesidade de falar galego, e son -por riba de todo- españois.
Esto a min preocúpame bastante. O poder é, efectivamente, cada vez máis dos de "Madrid" e estes ó conciben Galiza como provincia; sexan ou non nados en Galiza.

Nos demáis partidos políticos tamén se está, por suposto a notar esto. O BNG tivo, e aínda terá moito máis, que adaptar o seu discurso -dirixido a unha Galiza idílica, tradicional, dos sectores productivos, etc...- á nova realidade urbana. É aí onde está a xente moza que -antes máis que agora- se sentía identificado cunhas ideas de transformación e de cambio. É unha parte da Galiza urbana activa, a que pensa en clave de país, aberta ao mundo pero chantada na terra. O futuro.

O PSOE sempre tivo nas cidades o seu bastión, políticos profisionais como Paco Vázquez, aproveitáronse da (falsa) etiqueta de progresismo para realmente mobilizar ao eleitorado do PP e do PSOE (a todos, aos da boina e aos do birrete). Pero iso tamén está a cambiar. O PSOE é incapaz, e isto tamén é un problema estructural, de lanzar un discurso de país porque simplemente son -en grande medida- o reflexo dunha parte da sociedade galega- que -ao igual que os que agora apoian o cambio no poder provincial coruñes- conciben Galiza como unha mera provincia e identifícanse plenamente como españois e non falan galego, por suposto (aínda que presuman de que lean a Manolo Rivas). Teñen unha compoñente "progre" que os fai máis tolerantes, iso si, pero están respiran provincianismo polos 4 costados (como, senón, se pode desculpar a actitude de Paco Vázquez co topónimo e con tantas outras cousas, onde está o discurso galeguista do PSOE?)

En fin, non pinta "bonito" para o meu país. Dicía que está por ver se camiñamos cara a "decadencia" que eu asocio co provincianismo, ou cara unha sociedade máis dinámica, consciente da súa cultura, de que conforman un país ou nación, que quer ter o seu espazo no mundo. Ás veces parece que o primeiro esté gañando posicións e, o que é peor, que non somos capaces de dotarnos de mecanismos de cambio.

Pero en fin, sexamos optimistas, hai tamén síntomas interesantes. Un deles reflíctese como a nosa cultura utiliza este mesmo espazo no que estou a expresar a miña opinión e as miñas inquedanzas, como unha nova palanca de expresión, de desexo de permanencia, de facer camiño ao andar...





segunda-feira, dezembro 06, 2004

O BNG FACENDO POLÍTICA COMO OS MAIORES

Semella que o Quin non era tan parvo como algúns crían...

A moitos ha parecerlle que o BNG está indo un pouco lonxe co tema dos orzamentos, coas "ofertas" de unidade a todos os senadores galegos (incluídos os do PP), etc... Efectivamente podería parecer que, atacando ao PSOE, se favorece ao PP e se mina o posíbel cambio (tan necesario!) nas vindeiras eleicións.

Sen embargo eu creo que a estratexia (ou táctica? é igual, hai tempo que non me interesa o marxismo-leninismo...) é moi acertada. Esto porque:
a) a actual dirección do BNG, Quintana moi especialmente, é consciente que hai que "tocar" a ese eleitorado do PP que, alí no fondo nun curruncho, lle gustaría que Galiza fose como Catalunya ou Euskadi. Quintana sabe gañarse a esa xente (doutro xeito non se explican tantas maioría en Allaríz) e o seu estilo político vai na liña que lle gusta ao eleitorado "medio". Certa enquisa que disque anda por aí confirma esta cuestión...
b) o BNG ten que comezar a facer política para alcanzar o governo, como fai o PSOE. É ilusorio pensar que se pode chegar a governar con posturas alonxadas do pragamatismo.
c) a idea da unión de todos os grupos políticos galegos é -no trasfondo- moi intelixente pois agudiza a consciencia colectiva de país na sociedade. Todo o mundo sabe que o PP xoga a eso porque lle interesa no curto prazo sen embargo aos nacionalistas interésanos no longo prazo. Por unha vez temos a todo o poder mediático pepeísta traballando por un obxectivo básico do nacionalismo en Galiza!!!!
d) O PSOE tratará de facer ver que o BNG non quere o cambio, que é de dereitas, etc, etc... sen embargo, no fondo e aínda que iso poida ter certo efecto nunha parte do eleitorado, "tododios" sabe que o BNG nunca vai governar co PP.
e) en definitiva, con todo esto preténdese poñer ao BNG -de novo- en condicións de liderar o cambio que, por outra banda, é de xustiza que sexamos nós quen o lideremos. Xa está ben de asociar cambio a PSOE!!!

É verdade que agora haberá que "lidiar" co da Constitución Europea aínda que polas declaracións do Quin o pasado domingo, eu aínda non teño claro de que finalmente se decida o non. A opción de liberdade de voto para min é a máis acaída e non falo de razóns eleitorais.


Pd. (11/12/2004). Hai, por suposto, unha razón fundamental para seguir esta estratexia. O argumento dánolo Touriño tódolos días, cando abre a boca. Seica o BNG lle está a facer o caldo gordo "á dereita española". Ou sexa que aquí a cuestión é:
- non importa se os orzamentos son bos ou malos para Galiza.
- como non son os orzamentos do PP, hai que dicir "amén".
- o que importa, claro, é "España"

Touriño, probe, non se da conta de que se fixéramos o que él quere seríamos o PSdG, non o BNG.
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet