segunda-feira, agosto 03, 2009

GALIZA, OU O PAÍS ESPERPENTICO

Unha pantasma recorre Galiza, pero os galegos –facendo gala da nosa fama- disimulamos e miramos para outro lado, agora xa con máis razón que para algo estamos en vacacións neste verán que non é verán. Mentres, nalgún despacho da metrópole o futuro do país, perdón da Comunidade Autónoma, é un dano colateral máis dunha partida de xadrez na que os galegos decidimos non participar.

A Cuestión de Estado é, como non, o novo mapa do sector financeiro español e concretamente das caixas de aforro. E nese mapa, nesa partida, as caixas galegas son dúas das pezas que moverán ou tentarán mover os xogadores acreditados. Á primeira vista, nesta batalla Galiza queda encadrada no bando nacional que loita contra rojos e separatistas, como na triste outrora.

Os poderes económicos tradicionais deste país actúan como sempre o fixeron no plano político, primeiro apoiando a volta ao estado natural das cousas, a restauración da maioría natural conservadora. Logo, aliñándose cos poderes mesetarios nesa loita contra o infiel. No camiño perdendo honra e facenda…

E que din os nosos representantes políticos? Pois como bos galegos, miran para outro lado. O presidente (si, de Galiza) seica vai decidir despois de vacacións que facer, se gardar el o porquiño dos aforros ou deixarlle a papá que llos garde, que aínda é novo de máis. O PSOE está agardando a que Pepe Blanco chegue no AVE, ao puro estilo Mr. Marshall, para salvar ao país de todas as súas desgrazas. E o BNG? Pois o BNG está decidindo se gobernar é un obxectivo táctico ou estratéxico, na suprema loita pola independencia nacional e a revolución social.

Ah! E faltan os movementos sociais... Onde están os movementos sociais outrora tan activos? Pois de vacacións que agora que xa gobernan os de sempre xa non se senten traicionados nin defraudados. Ademáis, estar todo día na rúa berrando e protestando cansa un huevo. Iso si, agardando a setembro, que disque os van chamar dende o Bloque para recuperar o amor perdido.

En fin, todo un esperpento colectivo…
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet