terça-feira, setembro 29, 2009

QUE LLE PASA Á SOCIALDEMOCRACIA EUROPEA?

Os resultados das recentes eleicións en Portugal e Alemaña (así, en orde de importancia para nós...) poñen de manifesto a crise na que está instalada a socialdemocracia europea. Nun momento ademáis onde deberían ser os conservadores, que idearon e impulsaron as políticas que causaron a crise económica, os que cargaran coas culpas.

Un par de apontamentos ao respecto:

  • Tanto en Portugal como en Alemaña a caída dos socialdemócratas (8 puntos o PS e máis de 11 puntos a SPD) non é compensada pola subida das outras opcións de esquerda (en Portugal o BE sube 3,6 puntos e o PCP apenas 0,4 puntos; en Alemaña DL sobe 3,2 puntos e Os Verdes 2,6).
  • Os partidos situados máis á dereita ideoloxicamente (de matiz conservador en Portugal, liberal en Alemaña) experimentan unha suba semellante aos partidos situados máis á esquerda (en Portugal o CDS-PP sube 3,2 puntos ate situarse como 3ª forza política co 10,5% ; en Alemaña os Liberais suben 4,8 puntos convertíndose en 3ª forza política co 14,6% ).
  • A abstención aumenta en ámbolos dous casos.

A primeira vista tiraría as seguintes conclusións:

  • O desencanto coa socialdemocracia é evidente.
  • Ese desencanto non se manifesta nunha suba espectacular dos partidos situados á esquerda da socialdemocracia. É dicir, nin a esquerda "moderna" nin a "antiga" resultan especialmente atractivos para o electorado. Sen dados que o confirmen, entendo que os votos que perden os socialdemócratas e que non van para os outros partidos de esquerda van en boa medida para a abstención...
  • Suben os extremos do arco ideolóxico en ámbolos dous casos, propio dunha época de crise... ao meu ver.

O meu diagnóstico, así, a golpe de martes, é que a socialdemocracia europea leva tempo dando bandazos en materias importantes, como a política económica, que desorienta e disgusta a unha parte importante do seu eleitorado. Necesita por tanto un paradigma sólido, na medida do posíbel hoxendía, e iso danllo formulacións clásicas da socialdemocracia (nomeadamente defensa do estado do benestar e regulación económica keynesiana, etc...) aínda que convenientemente aggionardas (Estado do benestar eficiente, keynesianismo verde, etc). É dicir, innovar a partir do existente.

A sociedade non semella gostar dalgunhas apostas que se din innovadoras pero que en moitos aspectos son batiburrillos que misturan vellas formulacións con outras máis interesantes. (A que me soa isto?)

Seguiremos...

quinta-feira, setembro 24, 2009

NORDÉS


Outra nova serie na TVG moi decente que dá boa conta dos avances da industria cinematográfica galega. Ben ambientada, con bos actores e sobre todo urbana, rompendo cos tópicos costumbristas que xa comezan a raiar.

Eis a importancia da TVG, esencial para a consolidación da industria cultural e dese xeito tamén vital para o futuro da nosa cultura. Un exemplo, por certo, de como ás veces a intervención pública é chave para protexer ou promover "industrias nacentes", como ben ten dito o economista alemán Friederich List e, con algúns matices, o propio Adam Smith.

Unha constatación e unha incógnita ao respecto.

A constatación é que a TVG é unha televisión de vellos (tamén aquí o bipartito perdeu unha oportunidade de ouro para introducir cambios transformadores). Unha serie que como esta vai dirixida a un público novo e quizais cun perfil máis urbano pode fracasar porque, como alguén ten dito, os mozos galegos alienámonos vendo televisión española...

A incógnita é que vai ser no futuro deste tipo de proxectos co goberno deconstrutivo-austero de Feijoo. Na súa cruzada contra a nosa cultura esta é sen dúbida unha presa fácil. O tempo dirá.

sexta-feira, setembro 18, 2009

NOTA PARA UN DEBATE NA ESQUERDA (II). Política Fiscal

Dicía o outro día Paul Krugman, e dicía ben, que compre recuperar o Keynesianismo como paradigma dominante nas políticas macroeconómicas. As principais leccións do grande economista foran esquecidas nas últimas décadas pola soberbia de quen considerou que a o rol estabilizador dos poderes públicos se debe limitar ao manexo da política monetaria; con iso sería suficiente para evitar a depresión económica. Nas facultades de economía e nos ministerios homónimos, as leccións de Keynes pasaron a encadrarse na disciplina da historia económica.

Como é ben sabido, os gobernos Neoliberais de Reagan e Tatcher foron os primeiros en mudar as políticas económicas de inspiración Keynesiana aplicando, tamén neste eido, as receitas Neoliberais de canto menos Estado mellor. Boa parte dos gobernos da esquerda europea abandonaron tamén de xeito máis ou menos explícito as políticas keynesianas e abrazaron unhas políticas onde o papel da política fiscal, como elemento clave para a estabilización dos vaivens propios do devalar económico, deixaba de ser relevante.

Neste contexto semella claro que a actual crise colleu de improviso aos facedores de política económica de gobernos progresistas, como é o caso Español e os de outros países. Só desde esta perspectiva se poden entender, por exemplo, os bandazos do goberno Zapatero en materia de política fiscal. Se fai un ano o goberno decidía rebaixar o IRPF en 400 € co obxectivo de revitalizar o consumo, hoxe ten que anunciar unha suba (temporal) dos impostos, para evitar un déficit excesivo. Pois ben, unha das ensinanzas de Keynes neste eido resúmese en que en momentos de fortes caídas nas expectativas económicas (e consecuentemente no consumo privado e no investimento), é máis efectivo de cara á recuperación económica o incremento do investimento público que a redución de impostos. Iso é así porque nesas circunstancias os axentes privados, consumidores e investidores, nos volvemos conservadores, aforramos e retrasamos as nosas decisións de gasto para momentos mellores. Unha rebaixa fiscal nestas circunstancias non ten os efectos desexados sobre a demanda agregada e non se consegue parar a recesión, só consegue agravar o estado das contas públicas.

O despiste monumental dos gobernos de esquerda pon en evidencia a carencia dun paradigma claro nesta materia. Despiste que se traslada ao eido social. Os cidadáns non temos claro se a crise se amaña subindo impostos, manténdoos ou baixándoos. A maioría entende que o incremento do déficit público é malo per se, pois non se pode gastar o que non se ten.

Curiosamente esta última percepción vese reforzada pola recoñecida evidencia de que a burbulla que hoxe causa a crise foi acompañada por un brutal endebedamento familiar. Ergo, se o exceso de endebedamento familiar é pernicioso tamén o é o do sector público. Esquécese, en primeiro lugar, que tanto no eido público como no privado, o endebedamento permite acometer investimentos que renderán no futuro. E en segundo lugar, o endebedamento pode responder a unha pertinente política anticíclica xa que en épocas de recesión faise necesario compensar o recorte do consumo e do investimento dos axentes privados que da lugar a círculos viciosos de duras consecuencias. Isto é, ante os efectos negativas da “racionalidade individual” (ninguén inviste cando as cousas van mal) temos que opoñer a “racionalidade colectiva”.

As grandes (e simples) ideas de fondo por tanto seguen sendo válidas. Se acaso farase necesario mudar as formas e adaptalas ás necesidades actuais. Nese sentido, o keynesianismo hoxe en día debe levar o carimbo de “verde” e permítanme nese sentido os lectores facer referencia a un artigo escrito xa vai máis dun ano nesta mesma casa. Do mesmo xeito, debemos ser conscientes de que un abuso das políticas de gasto público trae tamén consecuencias negativas para o funcionamento da economía.

A esquerda, nomeadamente a Europea, debe loitar por recuperar o discurso perdido e trasladalo pedagoxicamente á sociedade. Que sexa a dereita quen dea paus de cego ante a crise actual.

sexta-feira, setembro 11, 2009

ECONOMÍA GALEGA 2010


No último lustro a economía galega medrou por riba da media española e europea practicamente todos os anos (agás 2005 que estivo 2 décimas por debaixo). Ese feito, unido ao dun menor crecemento da poboación, derivou nun acelerado proceso de converxencia en termos de PIB pc pasando este de representar en 2004 un 80,4% da media Española a un 85,8% en 2008. Os dados máis recentes indican tamén que, na actual recesión, a redución do PIB este ano vai ser menor que no conxunto Español.

Rompeuse nese período ademáis unha dinámica que viña sendo histórica pola cal a economía galega medraba menos en épocas de ciclo alcista e caía menos (ou medraba máis) en etapas de desacelaración. Sen entrar agora en vicisitudes técnicas, este fenómeno -na opinión de algúns economistas- tiña que ver co carácter anticíclico do sector agario, que en Galiza tiña máis peso que nas economías do noso contorno. Desaparecido, ou case, ese feito diferencial da economía galega compre saber agora como vai ser a súa evolución no futuro inmediato.

Na miña opinión, aínda sen un adecuado sustento analítico, hai aspectos que xogan a favor dunha xeira máis positiva que -polo menos- á media española. Entre eles o proceso de modernización industrial que se producíu nos últimos anos e un menor impacto da burbulla inmobiliaria.

Nembargantes tamén hai aspectos, particularmente un, que puideran ter un rol negativo. En concreto, atreveriame a dicir que o cambio de goberno lle vai resultar bastante difícil de dixerir á economía galega. A paralización de proxectos de envergadura e a conseguinte inestabilidade creada no sector eólico (e por extensión a outros sectores importantes) non pode ser positivo para a economía no curto prazo. Do mesmo xeito, a parálise na administración propia do cambio de xestores está creando un escenario pouco positivo para o entramado de servizos asociado (un claro exemplo é a consultoría, que é un dos sectores que máis emprego creou nos últimos anos). Non falamos de pequenas cousas senón que falamos de sectores con efectos directos importantes e, sobre todo, coa alteración das expectativas económicas, aspecto este último que en momentos de crise soe ser máis perxudicial.

Da política económica da Xunta nada podemos dicir porque aínda non a coñecemos.
Veremos que acontece nos vindeiros meses.

quinta-feira, setembro 03, 2009

O AGGIORNAMENTO DA SOCIALDEMOCRACIA (I). Erros públicos

Na década dos 60 do pasado século nacía na Universidade de Virginia nos Estados Unidos, a chamada Escola da Elección Pública. Os seus principais referentes acadarían logo sona internacional, particularmente James Buchanan quen en 1986 obtería o Premio Nobel de Economía. Arriscándonos a ser simplistas poderiamos dicir que, como fundamento central, os defensores desta escola partían dunha fonda desconfianza na capacidade do sector público para resolver problemas sociais e económicos. Así, se a chamada Economía do Benestar que se desenvolvera a principios do século XX, subliñara os “erros de mercado” que fan necesaria a intervención do sector público para recuperar a eficiencia, os economistas e politólogos da Eleición Pública puxeron o fincapé nos erros do sector público para atender as encomendas das que tradicionalmente se viñan responsabilizando.

Un elemento chave no razoamento destes autores é considerar que os individuos non actúan por un suposto interese xeral cando participan en labores públicos ben sexa como políticos ou como burócratas, senón que o fan con intereses egoístas. Isto é, actúan tal e como o fan no mercado. Iso explicaría, por exemplo, o establecemento de políticas tendentes a favorecer a determinados grupos de interese (que a cambio favorecerían os intereses dos propios políticos e burócratas) ou tamén determinadas inercias incrementalistas do gasto público, pois ao ser este maior tamén o é a posición de poder dos individuos que o xestionan. Ante estas conclusións, as receitas máis coñecidas da Escola da Elección Pública estaban principalmente dirixidas ao adelgazamento do sector público e a limitar as súas funcións practicamente as básicas de xustiza, orde interna e defensa exterior. Iniciábase dese xeito un ataque ideolóxico á liña de flotación das políticas que constituían os piares básicos do Estado de Benestar, que naquel momento representaban a ortodoxia en boa parte dos países desenvolvidos.

Non é certo que os individuos, os cidadáns, actuemos unicamente –nin sequera en boa medida- movidos por intereses egoístas. Na nosa vida cotiá atoparemos múltiples exemplos de que iso non é así. Agora ben, o anterior non quere dicir que a nosa actuación non veña influenciada polo contexto e os incentivos que se presentan, tamén á hora de desenvolver un labor profesional ou político no sector público. Nin que os nosos intereses materiais, particulares ou de grupo, non condicionen as nosas actuacións en todos os eidos sociais, incluído este ao que nos estamos a referir. Tamén debemos admitir que, como en calquera outro tipo de organización que alcanza un grande tamaño, as rixideces aumentan de xeito que a necesaria flexibilidade á hora de prestar adecuadamente un servizo público, vese reducida. Do mesmo xeito os cambios, as innovacións, vense dificultados nun contexto no que predominan as rutinas.

Todos estes aspectos inciden directamente no (mal) funcionamento do aparello burocrático-administrativo e son perfectamente visíbeis para o conxunto da sociedade que é usuaria dos servizos públicos.

No eido da práctica política, esta percepción foi usada pola dereita neoliberal como argumento instrumental para alcanzar os seu obxectivos estratéxicos que non son outros que a laminación do Estado de Benestar e do papel do sector público como provedor de servizos básicos, garantes da igualdade social.

Pola súa banda, a esquerda política raramente foi quen de encetar un discurso sólido sobre ese argumento instrumental. Nalgúns casos denunciou os obxectivos finalistas perseguidos pola dereita (privatización de servizos fundamentais) pero ignorou o mal funcionamento das institucións públicas. Noutros, máis graves, asumiu o discurso conservador e por consecuencia desenvolveu medidas que ían na dirección de recortar servizos públicos fundamentais. En ámbolos casos houbo unha renuncia implícita a iniciar debate algún sobre a mellora da eficiencia do sector público. O terreo quedou dese xeito libre para o xogo da dereita.

Unha crítica contundente ao aparello burocrático e aos “excesos” públicos, converteron aos conservadores nos únicos defensores da eficiencia na xestión pública, promotores da necesaria austeridade no funcionamento da administración. Gústenos ou non esta é unha percepción cada vez máis estendida na nosa sociedade e nas do noso contorno.

Penso que a maioría dos cidadáns europeos e tamén do noso país considera adecuado e positivo que o sector público garanta o acceso universal e igualitario aos servizos básicos; sen embargo cada vez está menos disposta a soportar un aparello burocrático que observan custoso e ineficiente. A esquerda política debe por tanto tomarse en serio esta cuestión e debater internamente e na sociedade as posíbeis causas e as vías de solución. Se ese debate non se dá dende posicións progresistas dificilmente se dará, pois para a dereita non é un problema grave, como dixemos máis arriba é a escusa para laminar o Estado do Benestar.

En Galiza a esquerda política vén de ter unha experiencia de enorme calado na xestión pública. Nalgúns casos como no BNG era a primeira experiencia da súa historia a primeira ocasión na que moitos dos seus cadros políticos se enfrontaron a estas lides. Sería gratuíto e un grande erro non reflexionar sobre a mesma de cara a tirar leccións para o futuro.
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet