Así dicía unha portada dun disco de Supertramp... pero non serei eu quen me resista a chamarlle crise, se é ese o grande tema de discusión.
Se negar o cambio de ciclo sería un absurdo, situarnos no outro extremo pode levar tamén a situarnos nun mundo alleo ao real. La Voz de Galicia deleitábanos hoxe nas súas páxinas salmón cun titular que tiña tanto de espectacular como de falaz. Seica temos o mesmo poder adquisitivo hoxe que hai 25 anos (ou menos incluso, agora non lembro ben o titular).
Facíase referencia a uns dados ou un informe, feito para o conxunto de España, sobre o custe da vida de hoxe en comparanza co de 1983. Pois ben, comparar a economía de 1983 coa de hoxe, en particular no caso galego, abstraéndose das múltiples mudanzas estruturais acontecidas só pode facerse en descargo do máis mínimo rigor intelectual; en aras da mediocridade mediática a que nos teñen acostumados nesa casa.
En 1983 algo menos da metade da poboación ocupada galega traballaba no sector agrario e pesqueiro, onde os niveis de produtividade eran non reducidos, senón ridículos. A capacidade de consumo neste sector era, por conseguinte, extremadamente reducida. Por outra banda, aínda que xa rematara o boom emigratorio dos 60 e 70, eran ducias de miles os residentes galegos no exterior, en particular en Europa. Na maioría dos territorios rurais galegos as alternativas aínda eran emigrar fóra de Galiza ou, na zona costeira, embarcarse en navieras foráneas.
A capacidade de aforro da nosa economía era elevada, si, pero por razóns moi diferentes ás que se puidera pensar nunha análise superficial:
a) Polo baixo nivel de consumo.
b) Porque unha parte relevante, certo que decrecente, das rendas salariais aínda viñan do exterior.
Hoxendía ningunha das dúas características anteriores está presente pois os niveis de consumo foronse achegando (a pasos axigantados) aos dos países do noso contorno e, en segundo lugar, as rendas (do factor traballo) exteriores perderon case que toda relevancia e mesmo o signo puidera se xa negativo, dada a chegada de inmigrantes nos últimos anos. Isto abstraéndonos da mellora evidente dos estandares de vida (educación, saúde, etc).
En definitiva, que nos ofrece entón o titular anterior?: unha comparación distorsionada feita ademáis pensando en Madrid ou en calquera outra grande capital máis que en Galiza.
Unha oportunidade para que pseudo-economistas boten por fóra, como de costume.