AUTODETERMINACIÓN, ESTATUTO E BEIRAS
Tiven a oportunidade de desfrutar dunha charla de Beiras sobre os temas que lle dan título ao post e onde compartía mesa con Antón Dobao. Cheguei tarde e non puiden coller o fío deste segundo conferenciante, ademáis tiña un tono un pouco cansino, a verdade.
Logo veu Beiras. Explosivo, inxenioso nos xestos e nas formas, na linguaxe... o Beiras de sempre. Desfrutei moito, mais tamén saín coa extrana sensación de non estar convencido, en absoluto. Beiras usou os argumentos de sempre e constrúiu (ben construído) un discurso que non creo que diste moito do que podería ter pronunciado vai 25 anos:
- A actual Constitución é producto dunha transición pilotada pola internacional socialista e en última instancia pola Casa Branca.
- Desaproveitouse, daquela, a oportunidade de rachar coa dictadura e construír un Estado sustentado na convivencia das distintas nacións que o conforman. O Estatuto é dese xeito resultado dunha mera descentralización administrativa... non hai por tanto Estado Plurinacional.
- Agora estamos na encrucillada, segundo Beiras, de: a) independizarnos; b) participar na reformulación profunda do sistema de cara a facer o que non se fixo na transición. c) Modificar o Estatuto de cara a avanzar no autogoverno.
En fin, o que máis me preocupou é en primeiro lugar a abstracción que se fai da realidade social galega, como ser fose un ente homoxéneo absolutamente consciente da súa realidade nacional. Calquera sabe que iso non é así, e isto non é cuestión baladí, nin se amaña, a efectos xurídicos, con dicir que o 80% da poboación galega está colonizada.
En segundo lugar preocúpame fondamente o inexistente aggiornamento en canto a conceptos como o de soberanía. Xa o teño manifestado noutra ocasión, pero penso que termos como o de "soberanía compartida" do que fala Imaz no PNV, aínda sen estar completamente definidos, poderían ser máis acaídos á realidade histórica presente (quedáronme gañas de preguntarlle sobre esta cuestión ó Beiras pois el falou da "dialéctica" Arzallus-Imaz, decantándose polo que encarnaba o 1º). Se ben é verdade que os edificios hai que construílos dabaixo para arriba (é dicir, o Estado Español por lóxica debería estar construído polas nacions nel existentes - e estas polos cidadáns que as conforman), non podemos negar a votande de pertenza a España de moitísimos cidadáns de Galiza, de Euskadi e de Catalunya (especialmente no noso caso). E a estas alturas cóstame admitir que ese sentemento de pertenza non sexa tan lexítimo como o de pertenza a un proxecto nacional colectivo chamado Galiza.
En fin, débeche ser cousa do postmodernismo, pero xa atopo poucas verdades inmutábeis... (hoxe).