quarta-feira, maio 31, 2006

OS RESENTIDOS

Achégome aos Resentidos diría que por primeira vez. Recordo unha cinta vella con algunhas cancións súas gravadas, máis era cativo de máis para recoñecer e valorar o que escoitaba. Máis alá do "Galicia Canibal", claro; e aquela estrofa próxima dende o punto de vista xeógrafico... ("O outro día, un ghicho en Noia, díxome que Alvaro Pino, mercara unha vespino...").

Flipo.... uns adiantados ao seu tempo. Anos 80 mais son absolutamente actuais. O video de "Galicia Sitio Distinto" non ten desperdicio... Mesmo o que nos contaban se adiantaba ao seu tempo. Unha Galiza occidental, urbana,...bebendo da cultura nacional popular; rompendo os mito soviéticos; 20 anos atrás; cando aínda o Atraso Económico de Galicia podía ser considerado un diagnóstico acaído.

En fin, o mundo da cultura que nos fai seguir sendo.

domingo, maio 21, 2006

LEITE RÍO, EMPRESARIOS E PAÍS


Aproveito que estaba co ordenador mentres vía a TVG para postear algo que xa me viñera aí atrás ao maxín. Todo ven ao conto do anuncio de Leite Río onde unha señorita cámara de TV, segundo nos relata a propaganda, anuncia nun castellano foneticamente galego as bondades do leite en cuestión.

Sigo tristemente sorprendido da fortaleza da diglosia que leva a un grupo empresarial galego a anunciarse en español nunha canle de TV que utiliza exclusivamente o galego na súa programación. Pasa tamén cos supermercados, que sexa Eroski quen teña que exemplificar... Que pasará polo maxín dos responsabeis de marketing da empresa?
a) Es que hay gente que lo ve que no entiende el gallego (os turistas).
b) Es que a lo mejor un día damos el paso y lo anunciamos a nivel "nacional" (o anuncio emítese só en GZ).
c) Es que sociologicamente está "estudiado" que en castellano se vende más (Pedro Arias ou Miguel Cancio...).

O máis triste é que do grupo empresarial de Leite Río disque depende a (re) conformación dun grupo lácteo galego... ¿Con empresarios "autóctonos" como estes, quen quere multinacionais de enclave?

O raquitismo burgués, aí segue.

quarta-feira, maio 17, 2006

NON VAI SER TODO POLÍTICA (V): Mudanzas

Todo rematou cando iniciamos aquela amable discusión sobre a dialéctica "acumuladores" vs "calefacción de gasóleo"...

LETRAS GALEGAS

Por que incide Localia Santiago nese provincianismo patético utilizando o español como lingua vehicular da cadea?

Que guay es el Grupo Prisa y su brazo político...

domingo, maio 14, 2006

NON VAI SER TODO POLÍTICA (IV): BROOKLYN FOLLIES

Remato o libro do Paul Auster este de marras. Gostei..., lino dunha tirada, o cal quere dicir que gostei. Dúas cousas:
- New York e os US non semellan ter cambiado nadiña nos últimos 30 anos. Cada imaxe que me viña a cachola mentres pasaba argumentos e follas do libriño me levaban a esa realidade tantas veces filmada do Nova Iorque multicultural e dinámico pero a súa vez grisáceo e decadente. Ese ambiente da serie aquela de policias, de principios dos 80, "Hill Street Blues" e tantos outros propios das grandes cidades yankees. Pregúntome eu se é unha mostra de estancamento en relación a nosa realidade inmediata, que tanto mudou nos últimos anos; ou é simplesmente a foto mental (única) que gardo de Nova Iorque e que sobresae cando se me achega algunha referencia desa cidade.
- Apréciase no libriño un grandísimo tufo a guión de cine, escorado cara esa esquerda xudea norteamericana; historia postmoderna a máis non poder onde as pequenas cousas da vida dan lugar a reflexións que -se ben intelixentes- non son rompedores nin revolucionarias. Supoño que é xustamente neso onde está a cuestión, por que habían de selo?

Gostei, sen máis trascendencia.

terça-feira, maio 09, 2006

Un petit d'economie

Seica a economía española se pode resentir no medio prazo de tanto ladrillo. Parece razonable pensar que a suba prevista dos tipos de xuro vai afectar ao consumo familiar e por tanto á demanda interna que é a que está a tirar, sen parangón en Europa, do crecemento español (por riba da media europea dende fai máis dunha década). Hai por aí quen apunta a unha aterrizaxe dura posto que o sector exterior perde competitividade e Hespaña é xa o segundo país, despois dos US, con maior deficit comercial. Se a demanda interna falla e a externa tamén, albiscaríanse problemas, parece ser.

Lendo outras lerias por aí adiante seica o problema se debe á inflación (por riba da media da UE en Hespaña) que fai que os productos españois sexan menos competitivos. En concreto a inflación viría dada segundo os que aplican o "libro gordo de Petete" ás "rixideces" do mercado laboral e a falla de competitividade nalgúns sectores de servizos: a enerxía e as telecomunicacións concretamente.

Sobre o das rixideces do mercado laboral que mo expliquen porque non o entendo: mirando os dados de inflación entre os países con taxas máis baixas atopámonos Franza, Alemañaa, Suecia, Dinamarca, etc. E pregúntome eu: é máis "ríxido" o mercado laboral español que o deses países? Non será que a receta val para todos (non é o que se leva dicindo en Franza e Alemaña, que o mercado de traballo non é o suficientemente flexíbel?) e que por tanto a "especificidade española" non é tal?.

Coido que é preocupante ter unha economía baseada no cemento, fundamentalmente polo que ten de especulativa (perdóame señor, eu tamén pequei...) que quizais sexa, ademáis, o detonante da inflación (dos produtos industriais) pola forte presión que exerce sobre a demanda de determinados inputs. Por outro lado, non é certo que ante un crecemento sostido e continuado é normal que se produza un certo proceso inflacionista?...

En calquera caso culpar de todo á flexibilización do mercado de traballo éche o conto de sempre(cando o estivo máis?).

En fin, outro día seguimos con isto da economía; ás veces é entretido e todo!
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet