quarta-feira, novembro 22, 2006

EL PAÍS GALLEGO

Merquei hoxe o estreno da nova edición Galiza de El País. Non tiven aínda tempo de ler en profundidade todo o que alí pon pero atinan en moito:
- Da unha imaxe da Galiza moderna, que innova, que avanza en diversos eidos.
- Sinala as problemáticas do país: ordenación do territorio (by the way, que vai pasar até a aplicación dentro dun ano da "lei de medidas urxentes"), "eucaliptismo", etc...
- Bos articulistas; F. Varela fai unha boa diagnose do Bloque; fodeume ter que ler a X.M. Pereiro en Español,...

Así e todo a imaxe, contextualizada, é ben triste... nen sequera temos capacidade para soñar por nós mesmos. Véñennos dende a metrópole a indicar o camiño. O canón a pagar chámase España e PSOE, claro... Toda unha metáfora do que seguimos sendo; por moito que El País o pinte de rosa (e a algúns se lle ensanche o esfinter ao pensar "por fin").

quarta-feira, novembro 15, 2006

POLÍTICA DE NOVO

As entrevistas e declaracións do profesor Beiras son sempre enormemente enriquecedoras porque poucas veces deixa de expresar o que pensa. A de onte en Galicia Hoxe tamén o foi e da de cheo no grande debate que, máis implicita que explicitamente, se está a dar no BNG. Recoñece por fin Beiras publicamente que existe unha loita entre Quintanistas e UPG polo control do poder e que, no camiño, a actual dirección (a UPG tamén?) quere convertir ao BNG nun partido de corte tradicional, desfacerse da criatura, en definitiva.

A crítica e oposición do Beiras a todo este proceso fundaméntase en que o camiño anterior é errado, os partidos tradicionais están en crise e as novas fórmulas de participación que está a crear a sociedade van cara modelos xustamente do corte do BNG: produto das mobilizacións sociais e cívicas.

Non comparto a opinión do Beiras. Poido compartir que existe unha certa apatía de calado hetereoxéneo cara os partidos tradicionais, máis que nada pola perda dos referentes tradicionais fortes (en particular a loita de clases). Sen embargo tamén observo que a cidadanía ve iso como un mal menor ante a necesidade de dotarse de sistemas democráticos estables e fortes, de convivencia onde a igualdade e a liberade poidan exercerse sen graves cortapisas. Ten razón o Beiras en que as sociedades crean novas fórmulas para vencer a apatía anterior e mesmo para denunciar as carencias do establishment institucional. Mais esas fórmulas necesarias son complementarias, non substitutivas, das organizacións políticas de corte clásico. Para mostra, un botón propio: Nunca Máis. Os argumentos do Beiras carecen -ao meu ver- do soporte empírico necesario: Onde é que os partidos están sendo substituídos?

Nembargantes, como dicía máis arriba, está no certo Beiras en que o debate que ten que dar o BNG é xustamente ese. ¿Queremos convertirnos nun partido de corte tradicional, que compita polo poder e que use éste para dar pasos pequenos na conciencia nacional galega (aberta ao mundo), na igualdade social e na sensibilización cara os grandes retos cos que se enfronta o planeta, pobreza e medio ambiente en particular? Facelo leva consigo, por suposto, riscos propios da loita polo poder: en particular o amornamente nas posicións e sobre todo a aceptación en aras do consenso de extremos duramente criticados até o momento. Algúns discutirán que eses retos non se poden afrontar dende o poder. Eu só poño dous exemplos próximos: o avance na concienciación naciónal en Catalunya na era Pujol e a consolidación da democracia e dos dereitos sociais (educación e sanidade pública e universal) en España, nos anos 80.

A outra opción é parar as máquinas e virar 180 grados: convertir ao BNG nun movemento social, atento e partícipe directo das loitas do noso tempo. Un mecanismo de protesta permanente, parlamentario ou extraparlamentario, diante dun establishment ao que sempre atoparemos tibio e mesmo reaccionario. Vímbios non lle fallan ao BNG para esa fórmula: é a que caracterizou boa parte da práctica habitual até o momento. Escoller este camiño debe facerse tendo ben en conta que non existe en Galiza, ao contrario que en Catalunya e Euskadi, establishment político nacionalista.

A sociedade entende a necesidade destas dúas fórmulas, ámbalas dúas lexítimas para o BNG de mañá. O que non entende, ao meu humilde ver, é que as dúas residan nun mesmo corpo. Os tempos da ubicuidade van alá: toca decidir.
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet