Falou Beiras, e fíxoo alto e claro, como de costume. Pero a min non me convenceu, o que vén sendo unha constante dende vai tempo.
Falou de refundar o BNG o que para Beiras implica recuperar as esencias do primeiro BNG.
Isto é, recuperar o frontismo na súa fasquía inicial. Un modelo que, na miña opinión, hoxe non ten nin xustificación teórica nin práctica. Teórica porque a realidade galega dinos unha e outra vez que non responde ás lóxicas do colonialismo tradicional, que é a que responde o modelo frontista. Práctica porque implica manter estruturas para aumentar as cotas de poder. É un absurdo pensar en reeditar a antiga permanente con Colectivos Socialistas, PNGs, ENs, EAs, MB, Irmandiños, UPGs...
Falou tamén de pedirlle perdón aos movementos sociais e de que o BNG sexa o partido reflexo deses movementos. Este aspecto é quizais o único novedoso do discurso de Beiras, aínda que el diga que xa o BNG era iso, que fora un adianto do que vai vir no futuro. Sen embargo tampouco comparto esta opinión. Os movementos sociais son unha cousa e os partidos políticos outra. Non coñezo organizacións políticas no noso contorno (que non sexan antisistema) que sexan correas de transmisión dos movementos sociais.
Fai falla outra cousa.